A historia de Andrés Balsa, personaxe que apareceu en Cangas como boxeador e árbitro dos combates reseñados, non deixa de rozar o mítico pero tamén o curioso e entrañable. O"Bulldog galego" ou o "Hércules galaico", como foi coñecido no seu tempo, era fillo duns humildes veciños de Mugardos que como outros moitos embarcou camiño da emigración. A sua envergadura de dous metros e cen quilos de peso, levárono en Veracruz a iniciarse, entre os estibadores do porto, en pelexas de loita libre. Así, chegaría a ter combates épicos como os que o enfrentaron ao campión Wagner ou ao célebre "Doctor Roller" a quen mandou a recuperarse a Cuba despois de ter loitado en vinteún combates. Mais ningunha loita como a que o puxo, unha vez, diante dun misterioso enmascarado, de calzón branco e perna solta: Dicíase que era un príncipe ruso errante, un espía xermano... Nunca puido Balsa ver a cara daquel forzudo que, segundo anunciaba a publicidade, vencía aos touros sen asfixialos... Nunca. Ata que, unha vez, ollando a película "Quo Vadis?", descubriu ao seu rival do antifaz, facendo o papel de "Ursus". - sóuboo polo xesto de torcelle a testa ao touro, tal como lle tiña feito a el nos combates. Porén, algunhas noticias da época tamén recollen que foi o propio Balsa quen tiña interpretado este papel na película de E. Guazzoni de 1912.

A sua fama de imbatible levaríao por todo o continente americano, gañando unha fortuna a pesar de que a sua técnica, segundo os entendidos, deixaba moito que desexar. Rematada a guerra europea, retorna a Mugardos e percorre España en loor de multitudes e homenaxes varias, realizando moitos combates que impulsaron ainda máis a sua fama.

Mais a loita xa non lle era suficiente e pasouse ao boxeo no que en 1921 chegou a pelexar polo título mundial dos pesos pesados, caendo derrotado ante Jack Dempsey quen mantería este título ata 1926.

A partir deste fracaso, a carreira de Balsa foi moi irregular, alternando impresionantes victorias con sonadas derrotas. O baixón físico (xa tiña 40 anos) e moral producido pola derrota en Madrid contra o belga Humbeeck, provocaría asemade que a prensa da época o afundise ainda máis coas suas destrutivas críticas. Outro combate posterior co mediocre púxil portugués José Santa, acabaría no segundo asalto ao tirar a esponxa (ainda non se estilaba o da toalla) o seu entrenador, levaríano á retirada definitiva despois dalgúns combates de escasa entidade.

En 1926, incorpórase como preparador físico ao Celta de Vigo e logo como entrenador, sustituíndo a Francis Cuggy. Mais a cousa non había ir moi ben, pois o Celta perdería a supremacía frente ao Deportivo ao que tiñan desertado moitos xogadores célticos como Chiarroni, Otero ou Isidro. Despois dun único trunfo do Celta nunha liga polo subcampionato de España, unha nova xunta directiva sustituiu a Balsa polo escocés Cowan como entrenador. Tras ser desposuído deste cargo, ao ano seguinte incorporaríase como masaxista no Deportivo da Coruña.

Logo pasaría como entrenador ao Club Deportivo Castellón, equipo que polo seu escaso éxito deportivo e económico acabaría desaparecendo.

O Valencia sería o seu seguinte equipo, mais os seus éxitos tampouco serían moi destacados. Coa chegada da guerra civil, Balsa manteríase leal á República, formando parte do novo Valencia dos traballadores ao ser incautado o club polos empregados e futbolistas. Andrés Balsa formaría parte do cadro técnico do equipo valencianista ata 1946, ano en que se lle perde a pista ao coloso e mítico mugardés.

José Carmelino, o púxil de Cangas - O veciño de Cangas Antonio Graña "Toniño" ten unha imaxe do que foi boxeador na vila, José Carmelino, campeón de Galicia dos pesos "Welter" no 1931. Carmelino participou en veladas en el salón de Vicente Nogueira, en O Forte, combateu en Madrid e outras cidades de España, Brasil, Uruguay e Portugal onde pérdeselle a pista no 1935.