Roberto Vidal Bolaño polas terras de O Morrazo

Co grupo de Teatro Antroido se deixou caer por Cangas en 1977 e recibiu o Premio Xiria ao labor Teatral

17.05.2013 | 09:27
Roberto Vidal Bolaño actuando, xa enfermo, na obra "Os Papalaguí", en Moaña.
Roberto Vidal Bolaño actuando, xa enfermo, na obra "Os Papalaguí", en Moaña.

Desde que no ano 1963, Don Francisco Fernández del Riego e dous membros máis lle propuxeran a Real Academia Galega celebrar, cada dezasete de maio, (aniversario da publicación dos "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro) o día das Letras Galegas para honrar unha figura da nosa literatura ou da defensa da nosa cultura e identidade, xa van aló cincuenta e unha persoas agasalladas con tal honra. Porén, é precisamente nesta 51 edición cando, por primeira vez, non se agasalla a un creador literario, a un estudoso ou ensaísta, senón a unha "persoa total", a un activista teatral, cultural e mesmo social .

Efectivamente, Roberto Vidal Bolaño foi un creador completo que desenvolveu os variados oficios que conforman a complexa Arte do Teatro. Foi moito máis que un dos máis importantes dramaturgos europeos de entre séculos (XX e XXI), posto que ademais destacou como actor, director, deseñador de iluminación, escenógrafo e, seguro que tamén, carpinteiro, electricista, obreiro de carga e descarga e condutor de furgonetas.

Comezou Roberto no teatro ao tempo que empezaba a desenvolverse tal movemento por Galicia adiante (mediados dos anos setenta), cando grupos afeccionados empezaban a aparecer polo país e algúns deles a darse a coñecer nas Mostras de Teatro Galego de Ribadavia. Neses anos funda o seu primeiro Grupo, Teatro Antroido, co que participa nas devanditas Mostras da vila do Avia e co que, no ano 1978 estrea a primeira obra do teatro profesional galego. "Laudamuco, señor de Ningures", coa que empeza unha senda frutífera de avance cara á normalización da arte teatral no noso país que estes últimos anos está a sufrir un retroceso brutal.

Con Teatro Antroido, unha vez profesionalizado, vai encetar un camiño que se alonga entre os anos 1976 e 1985, nos que estrea varias obras fundamentalmente de rúa e de monicreques ("Touporroutou da lúa e o sol", "Ruada das papas e o unto"...) ata que un desencontro coa Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia (a raíz da estrea no 84 do seu texto "Agasallo de sombras"- homenaxe a Rosalía- polo Centro Dramático Galego) o enfronta abertamente co poder político (que chega a negarlle axudas) e con parte da nacente profesión teatral galega. Roberto responde como sempre fixo, dando a cara, e no ano 1985 escrebe, dirixe e actúa no que ía ser o seu último espectáculo con Antroido: "Caprice des dieux", unha crítica aceda ao poder e ás súas proximidades, e, de seguido, desaparece momentaneamente da primeira liña teatral galega durante uns anos.

No ano 1991 prodúcese un feito significativo e que persoalmente é motivo de orgullo para quen isto escrebe. O xurado do Premio "Álvaro Cunqueiro" de Teatro, patrocinado pola Xunta de Galicia, e do que fai parte Xosé Manuel Pazos, entre outros, outórgalle o premio á obra "Saxo tenor", da que resultou ser autor un Roberto Vidal Bolaño silenciado durante os anos anteriores e que aproveitou a dotación económica do premio e a axuda para a súa posta en escena para crear unha nova Compañía -Teatro do Aquí- e poñer en pé a obra, o que supuxo o comezo da andaina máis frutífera do noso "activista teatral".

Efectivamente, con Teatro do Aquí e con textos propios como o antes nomeado, ou como "Días sen gloria", "Anxeliños", "Criaturas", "Animaliños"? e un non curto etc. Roberto Vidal Bolaño acadou premios importantes como os "María Casares", "Eixo Atlántico", "Rafael Dieste", "Max", o citado "Álvaro Cunqueiro"? e o recoñecemento do público.

Obras súas, asemade, foron estreadas por outras compañías tan importantes como o Centro Dramático Galego (ao polémico "Agasallo de sombras" seguírono anos despois, "A burla do galo" e "As actas escuras") ou mesmo en co-produción de compañías galegas e do Norte de Portugal como é o caso de "Mar revolto", sobre o feito do secuestro do barco Santa María?

Mais non é obxecto principal deste traballo facer biografía extensiva de Roberto nin relación da súa obra, senón dar unhas pinceladas sobre a relación deste "home de teatro" coa nosa comarca. Como non podía ser menos, e falando de lugares como Cangas e Moaña, fundamentalmente, nos que o Teatro representa un sinal de identidade cultural de importancia, a relación dun personaxe coma el connosco foi continuada, e por veces intensa.

Xa o Teatro Antroido se deixa caer por Cangas en 1977, cando aínda é un grupo afeccionado, coa obra "Amor e crimes de Xan o Panteira" de Blanco Amor, no Cine Avenida, e alí entabla as primeiras relacións cun nacente Grupo Matamoura de Coiro polo que andan Casilda Alfaro, Vázquez Pintor e Xosé Manuel Pazos, entre outra moita xente. Poucos anos despois, e no mesmo espazo escénico, un Antroido xa profesional representa a súa obra de monicreques "Touporroutou da lúa e sol" e, no eirado do Costal, polo 1983, "Percival", recreación Bolañiana da novela de Méndez Ferrín. Esas frecuentes visitas a traballar, xunto con outras ao veciño concello de Moaña, establece fonda relación co movemento teatral local no que se atopan, ademais dos xa citados en Cangas, outras persoas como Celso Parada ou Pedro Pablo Riobó en Moaña.

Volve traballar a Cangas varias veces, destacando o "Oé, oé, oé", de Maxi Rodríguez, no que actúa e dirixe, que acadou un éxito relevante nunha das Edicións da Mostra de Cangas celebrada no Cine Galaxias. En Moaña ten tamén presenza nos Circuítos Teatrais no desaparecido Cine Veiga, e o Café do Real é testemuña de moitas conversas e debates entre el e moitos teatreiros da zona despois das funcións.

Pero a relación foi máis fonda que as actuacións polos espazos da Comarca e así, a Mostra de Teatro de Cangas outorgoulle, polos anos noventa, o seu "Premio Xiria ao labor Teatral"; Roberto participou activamente nos debates do Teatragal que se celebraron en Cangas e Viana do Castelo nos anos 1996 e 1997, con participación tamén de varios profesionais morracenses, e a Revista Galega de Teatro empezou a publicación de textos teatrais precisamente cun da autoría de Vidal Bolaño: "Exercicio para debuxantes intrépidos". A maiores, unha actriz canguesa, Mónica Camaño, participou en montaxes de Teatro do Aquí en compañía do propio Roberto ata o seu pasamento, ou noutras varias da súa autoría con outras compañías.

Despois da súa morte, tamén foi na nosa comarca onde se lle renderon as primeiras homenaxes, como a edición, no mesmo ano, dun número dobre da Revista Galega de Teatro, coordinado polo profesor moañés Pedro Pablo Riobó, no que se publica por vez primeira o texto "Memoria de mortos e ausentes", ou a montaxe, no 2008, de "Bailadela da morte ditosa", por parte da compañía canguesa Teatro de Ningures, que percorreu toda Galicia e outros lugares do Estado como Asturias ou Madrid, onde a obra participou na "Muestra de Teatro de las Autonomías". Un espírito crítico e comprometido co país como o noso autor sintonizaba moi ben coa nosa comarca, á que consideraba publicamente como vangarda teatral e cultural. Moito cambiaron para mal as cousas (no país e na comarca) dende aquela!.

(*) Autor e tradutor teatral


Deportes Morrazo

Mauro celebrando el primer gol de los que anotó el Alondras este domingo. // Santos Álvarez
Humildad tras la merecida goleada

Humildad tras la merecida goleada

Antonio Fernández pide a sus jugadores tener "los pies en el suelo" tras debutar con un 6-1 al Noia

Pablo Cabello y Javier Lago se imponen en clase Vaurien en Cangas

Pablo Cabello y Javier Lago se imponen en clase Vaurien en Cangas

Martín Wizner y Pedro Ameneiro ganan en clase 420

El Lalinense pasa a cuartos

El Lalinense pasa a cuartos

Vence al Luceros en un choque decidido en la prórroga ä Arón anotó 14 goles

Tirán pincha en las olas de Zarautz

Tirán pincha en las olas de Zarautz

La embarcación de Moaña reacciona en el último largo pero no evita el penúltimo puesto

La salvación como objetivo tras cambiar casi toda la plantilla

La salvación como objetivo tras cambiar casi toda la plantilla

El Moaña de Miguel Fernández se presenta ante su afición - Solo repiten 5 jugadores

El Defensores mide sus fuerzas al CB Porriño

El Defensores mide sus fuerzas al CB Porriño

El club organiza el viernes el cuarto torneo Basket na Rúa 3x3, en la alameda

 

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

Suscriptor | O Morrazo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales
Enlaces recomendados: Premios Cine