Esta tarde, ás 20.00 horas, celébrase no Auditorio Municipal unha nova edición da Gala da Cultura de Cangas, no marco das actividades polo Día das Letras Galegas. Un xurado formado por técnicos e anteriores galardonados decidiron a identidade dos premiados nas distintas disciplinas artísticas poñendo o acento na dilatada traxectoria de cada un deles. Nunha gala que estará presentada pola actriz, dramaturga e directora teatral Vanesa Sotelo, subirán ao palco algúns dos máis destacados representantes da cultura de Cangas. A protagonista principal, que recibirá o simbólico galardón do Premio Xohan de Cangas á Labor Cultural, será Carmen Pérez Alonso, directora do grupo de danza tradicional Soavela. Sobre ela, o xurado destaca a súa dilatada traxectoria dedicada á danza galega e á transmisión do seu coñecemento ás novas xeracións.

En canto á escrita, o premio Xohan de Cangas á Creación Literaria recaerá nesta ocasión en Marisa Núñez Álvarez, escritora de literatura infantil afincada no concello como profesora no CEIP O Hío. Unha das caras máis coñecidas será a do actor Celso Parada, que recibirá o galardón ás Artes Escénicas e Audiovisuais. Trátase, a xuízo do xurado, dun dos mellores actores galegos, que traballa no teatro dende os anos 70 e fundou en 1989 a compañía Teatro do Morcego. Isto supón unha mostra de apoio ao teatro galego nun ano no que o Día das Letras homenaxea a Roberto Vidal Bolaño, outro nome clave no teatro do país e pioneiro da dramaturxia profesional.

Programación

O acto estará salpicado de actuacións de distintos colectivos culturais cangueses. Entre eles o grupo de danza tradicional Lembrazas da Ría, a Banda de Gaitas Tromentelo e os alumnos da Escola Municipal das Artes Escénicas. Trala entrega de todos os galardóns, nesta ocasión realizados por un artesán de Castela, a Gala concluirá coa actuación solemne do coro da Escola de Música e do Conservatorio Profesional.

Outra das caras coñecidas que recollerán un premio esta tarde é a de Camilo Camaño Xestido. O xurado lle recoñece a súa décadas adicado ao arte con miles de obras e lle entregará o Premio Xohan de Cangas ás Artes Plásticas.

Na categoría de música, este ano os ollos virarán cara a canción coral. Antonio González "Tucho Perete", será o protagonista. Dirixe o Coro San Xosé e a Coral Santiago Apóstol e conta cunha longa carreira no mundo da música vocal.

Outro dos premios máis simbólicos é o Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio. A tarea que durante décadas realizou Xosé Menduiña Bastón na recuperación de danzas tradicionais e, sobre todo, o seu papel clave á hora de que volvese a de Darbo, fanno merecedor do premio.

Carmen Pérez acolle "con moita ledicia este premio tras tantos anos adicándome á danza galega". A actual directora de Soavela fundou múltiples grupos de baile tradicional galego na comarca. Baila desde os 8 anos e xa supera os 70. Aínda que é natural de Vigo xa se sinte unha canguesa máis. "Levo case 39 anos ensinando danza e agardo que moitos alumnos estean na gala"