Aínda que o tema Botello, en Cangas parecía estar condenado a un absoluto ostracismo, tal e como podemos comprobar nos acordos adoptados polas corporacións municipais, como por absurdas e desafortunadas declaracións aos medios de comunicación, non desistín de perseverar en tan significativo proxecto. Entendía que a figura de Ángel Botello, engrandecida polo conxunto da súa obra e reafirmada co decorrer dos tempos, non fose suficientemente coñecida e recoñecida, como realmente se merece e, como artista e obra están recoñecidos internacionalmente. Créanme lectores e lectoras, que a odisea foi tal durante este tempo e, as contrariedades de tal magnitude, que cheguei dubidar de si era real o que acontecía, así como de si Botello, se había convertido na miña obsesión, de feito de cando en vez, non facía outra cousa que analizar, investigar sobre a obra do xenial artista. Con iso saía desa incerteza e, o que provocou en min, foi o efecto contrario, é dicir, canto máis afondaba en Botello, máis cría nel, máis interese espertaba en min as diferentes etapas polas que navegara, sempre de maneira maxistral, con pincelada diáfana e segura, cunha visión exquisita do entorno, cunha esaxerada sensibilidade, tanto no que atinxe á obra máis clásica, realismo ou figuración, coma no que vai supor un novo movemento, que comeza próximo a Gauguin para converterse nun estilo claramente propio, profundamente "botelliano", indiferentemente do que se contemple: pintura, escultura ou obra gráfica.

A admiración por Botello, personalidade e obra, levoume a insistir no propósito e, seguir en contacto coa familia. Teñen que pasar catro anos para retomar o tema iniciado no 1995. En agosto de 1999, recibo unha entrañable carta datada o 28 de xullo en Caracas, neste caso dunha membro da familia coa que non tivera relación ate ese instante, Mariángeles Tossi Botello, sobriña do pintor, contacto que viñera a través da viúva e fillos de Botello. Informada pola súa tía e primos, da proposta de nomear a Sala de Exposicións da Casa da Cultura, "Ángel Botello", así como de dar nome a unha rúa, dicíame nunha extensa e documentada redacción, da intención de dar cumprimento a unha das vontades de Bonis Barros, súa aboa, recentemente finada aos 105 anos, que esta deixara nun testamento escrito de seu puño e letra, entre outras: "Que o meu retrato, feito polo meu fillo Ángel, desexaría sexa destinado a un museo en España."

Mariángeles consciente da responsabilidade que asumía, fai unha reflexión sobre a obra, da súa importancia, da carga emocional e do seu significado, obra que está reproducida na biografía de Ángel Botello, publicada no 1988, xa finado o artista. Evidentemente debemos ser conscientes da singularidade da devandita obra, tanto polo que representa para a familia, ao tratarse do retrato da nai do pintor "é un retrato forte, dunha muller forte", coa carga sentimental que significa para o conxunto familiar, como por ser unha obra que reflicte a carácter e personalidade dunha singular muller, que a pesares das dificultades, de estar viúva, de deixar atrás unha posición acomodada, é quen de sacar adiante e coa máxima dignidade aos seus seis fillos. A obra é pintada en Cuba no ano 1942, cando Bonis Barros del Amo tiña algo máis de corenta anos.

Con Rexistro de Entrada nº 5883, fago entrega no Concello, doutro escrito, no que poño en coñecemento da Corporación Municipal, da posibilidade que se abre, de poder contar coa achega dunha obra de Botello, doada pola familia, concretamente co "Retrato de Bonis Barros", ao tempo que insisto no cumprimento do solicitado e exposto en múltiples escritos presentados ao respecto desde o ano 1995, relativos ao nomeamento da Sala de Exposicións "Angel Botello", do nomeamento da Rúa Angel Botello, así como do acto de recepción, que xa definitivamente tiñamos sinalado para o luns día 9 de agosto de 1999, ás 12 horas, acto no que Mariángeles viaxaría desde Caracas, co gallo de nos facer entrega da devandita obra. Como colofón, neste escrito, informo asemade á corporación, da posibilidade que se abre de en breve poder contar cunha doazón dun conxunto de obras, en pintura e escultura, que igualmente a familia doaría ao concello de Cangas.

Unha nova decepción prodúcese, cando recibo notificación dos acordos adoptados pola Comisión Municipal de Goberno de data 5 de agosto de 1999, na que dos cinco puntos dos que se facía referencia no escrito e relacionados todos ao tema Botello, volvía quedar sobre a mesa o punto primeiro, o nomeamento da Sala de Exposicións da Casa da Cultura-; no segundo punto, reservar un espazo dentro da Casa da Cultura para colocar obra donada; no terceiro, abrir un expediente co fin de estudiar a posibilidade de denominar unha pequena rúa "Rúa Ángel Botello"; no cuarto, realizar un acto de recepción dunha representación da Familia Botello na que se fará entrega dunha obra do referido pintor; no quinto, poder contar nun perto futuro coa creación dun fondo sobre Ángel Botello. Todos eles acordos imprecisos sobre, agás a aprobación da realización do acto de recepción da obra "Retrato de Bonis Barros", así como ambigua creación dun fondo Botelliano, a pesares do pouco interese pola figura e obra de Botello, como se pode comprobar en declaracións escritas en diversas ocasións.

Segundo o previsto, e previo consenso entre as partes, redáctase un convenio de comodato, contendo nove puntos que se refiren ás condicións impostas pola familia Botello, que asinarían tódalas partes e que entre outros, nun dos seus apartados refire que, o incumprimento de calquera dos puntos recollidos, daría lugar á anulación do referido documento, dando lugar a que a subscritora ou calquera herdeiro, poida reclamar a inmediata devolución da obra, así como dous puntos referidos á recepción, que por desexo da Familia Botello está redactado de tal xeito que me fan receptor, en calidade de Director da Casa da Cultura, lugar destinado para a colocación da obra. O devandito documento é asinado no solemne acto protocolario polo Alcalde, a representante da familia Mariángeles Tosi Botello, eu como responsable da Casa da Cultura que acubilla a Sala Angel Botello, a concelleira de Cultura e como testemuñas, Fernando Ocaña e Teresita Lagoa, familiares do pintor.

Debido a extensión do documento presente, imos publicalo en dúas partes, sendo na quinta entrega, cando se presenta a dificultade, polo incumprimento do asinado, co risco da perda e devolución da obra doada.