Máis de medio centenar de alumnos de 1º e 2º de ESO do colexio "Eduardo Pondal" de Cangas emprenderon rumbo ao concello coruñés de Cerceda para coñecer o núcleo da infraestrutura industrial de Sogama (Sociedade Galega de Medio Ambiente), onde se xestionan a maior parte dos refugallos producidos en Galicia. Entre eles, os xerados en Bueu, Cangas e Moaña, os tres municipios que integran a Mancomunidade do Morrazo.

Foi o venres, e tras escoitar as explicacións dos monitores de educación ambiental ao servizo desta entidade pública, os escolares realizaron un percorrido guiado, adaptado ao seu nivel educativo, polas plantas que conforman o complexo medioambiental e foron testigos de como se procesan os residuos procedentes da recollida dos contedores amarelos e verdes convencionais.

Mentres que, con respecto aos materiais que albergan os primeiros, isto é, envases de plástico, latas e briks, puideron ver o proceso automático de selección dos mesmos, utilizando para isto mecanismos tales como lectores ópticos, campás aspiradoras, electroimáns e correntes de Foucault, acto seguido adentráronse no itinerario deseñado pola empresa para os refugallos depositados nos recipientes xenéricos, é dicir, restos orgánicos e non reciclables, a partir dos cales a empresa acondiciona un combustible CDR que valoriza nunha planta termoeléctrica.

Deste xeito, os estudantes do Eduardo Pondal puideron tomar boa nota da importancia que ten clasificar axeitadamente o lixo en orixe para propiciar en gran medida a súa reciclaxe, transformándoo en novos produtos e convertendo o resto en enerxía eléctrica, un ben de extraordinario valor que evita a utilización de combustibles fósiles, segundo lles explicaron.

Co fin de rendibilizar a visita, os alumnos tiveron ocasión de traballar previamente no aula con unidades didácticas específicas nas que se explica, a través dun formato adaptado ás súas idades, o alcance do labor de Sogama e o proceso a seguir para dar un correcto tratamento aos desperdicios producidos nos seus fogares.