O Morrazo é un lugar que dende sempre estivo vencellado ao compromiso coa cultura e a lingua galegas. Un gran exemplo deste compromiso é o do mestre e poeta Bernardino Graña, que a piques de cumprir os 80 anos xa se converteu nunha das figuras máis importantes do panorama cultural e poético da comunidade galega.

Na Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, son conscientes disto, polo que xunto ao colectivo ArTeu e en colaboración coa Universidade da Coruña e a Real Academia Galega decidiron rendirlle unha merecida homenaxe ao autor.

A cidade d´A Coruña visteuse onte coas súas mellores galas para acoller unha xornada repleta de actos destinados a honrar a figura do poeta cangués. A cidade erguíase pola mañá coas verbas dalgúns dos poemas de Graña, que procedentes do campo dos Menhires, próximo á Torre de Hércules, acompañaban ás primeiras horas da xornada. Distintos artistas plásticos, coma Isabel Pintado, concentráronse no lugar baixo a iniciativa "Mirando ao mar", co fin de recitar os primeiros traballos do autor que se escoitarían durante a xornada.

Coa chegada da tarde o mar convertéuse nun dos principais protagonistas. Cara as cinco un barco partía dende o porto da cidade coruñesa para realizar unha travesía pola baía. Máis dun centenar de persoas subiron á bordo da embarcación, na que gozaron da colaboración dun mariñeiro do lugar que lles fixo de guía e incluso lles explicou o significado das pedras eque se atopaban polo camiño. O suave vento do nordés axudou a refrescar a todos os asistentes, que gozaron tamén dunha lectura da man dos escritores Xabier Docampo e Anxo Angueira.

Porén, a xornada non remataba con este paseo pola baía. Á súa chegada ao porto, unha marcha gaiteira acompañou á comitiva ata o Paraninfo da Universidade de A Coruña. Alí rexistrouse o acto final, no que agrupacións coma A Quenlla interpretaron as versións musicais dalgunha das obras do autor cangués, nun merecido acto que pon en valor a labor realizada polo poeta.