A Cultura en Bueu ten un dos seus días sinalados no acto de entrega dos premios Johán Carballeira. Pasaron xa quince primaveiras dende que se convocase por primeira vez o certame poético e o de xornalismo acadará na súa vindeira edición os dez anos de vida. As gañadoras deste ano son Berta Dávila, premiada polo poemario "Raíz da fenda", e Marta Lemos Jorge, por un artigo publicado en FARO DE VIGO e no que analizaba a historia da illa de Ons a través da figura do propio Johán Carballeira.

Ambas mostraron o seu agradecemento e fixeron unha reivindicación das súas disciplinas. "Hai que agradecer que se convoque un premio de poesía e que se siga apostando pola súa creación en galego porque ás veces parece que somos a marxe da propia marxe", manifestou na súa intervención Berta Dávila, que concedeu especial valor á parte do premio que inclúe a vindeira publicación do seu poemario. Pola súa banda, Marta Lemos Jorge reivindicou a figura "do reporteiro e do xornalismo de a pé", esencial para a sociedade.

As dúas recibiron os seus correspondentes galardóns nun acto institucional celebrado onte na sala Amalia Domínguez Búa e presidido polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, e polo presidente da Asociación Amigos de Johán Carballeira. O máximo mandatario municipal recoñeceu que para o consistorio supón "un reto e un desafío" convocar cada ano este certame, sobre todo nos actuais momentos de crise, pero suliñou que cada nova edición supón "unha enorme satisfacción".

Manuel Antón Mosteiro aproveitou a entrega de onte para propoñerlle ao Concello que na vindeira edición, aproveitando a décima convocatoria do galardón de xornalismo, se faga unha publicación especial na que se recollan todos os artigos premiados ata a data e cunha pequena biografía dos gañadores. Mosteiro congratulouse polo feito de que durante todos estes anos o certame de poesía se convertira "nun escaparate para os novos autores" como Berta Dávila e alabou a interrelación existente no artigo xornalístico de Marta Lemos Jorge, no que están a historia da illa de Ons e a figura do homenaxeado Johán Carballeira. A ambas pediulles que se convertisen dende agora en "embaixadoras" deste certame para seguir dándolle pulo.

A programación péchase hoxe cun recital poético

Os actos do mes das Letras Galegas en Bueu péchanse hoxe cun recital poético organizado pola Asociación Cultural Ricardo Gómez Buceta e que reunirá a case unha ducia de poetas e escritores naturais ou residentes no Morrazo. Así, está confirmada a presenza de Xosé María Álvarez Cáccamo, Daniel Costas, Asun Estévez, Carlos Fonte, Alba Méndez, Xosé Manuel Millán, Lucía Novas, Antón Sobral, Xaime Toxo e a eles uníronselles Lara Dopazo e Xosé Vázquez Pintor.

O I Festival Poético do Morrazo será esta tarde, ás 18.00 horas, no Centro Social do Mar de Bueu, e tamén inclúe as actuacións musicais de Guillerme (Quempallou) e Pilar (Os Carunchos) e de Xico de Carño e Xosé Pumar.