A reivindicación da Cultura como sustento do saber e das emocións, pero tamén como ferramenta para enfrentarse á crise e promover o desenvolvemento económico, foi un dos eixos sobre os que xiraron os discursos dos galardoados nos premios Xohán de Cangas e Ignacio Cerviño, que se entregaron onte no Auditorio coa ausencia destacada do alcalde. Si asistiron máis de 300 persoas, que aplaudiron as distincións a Juan Rial Collazo, no apartado de música; Teatro de Ningures, en artes escénicas e audiovisuais; Xosé Manuel González Barreiro, "Oli", en creación literaria; Manuel Coia Franco, en artes plásticas; Cine Clube Cangas, á labor cultural; e Manuel Rodal González á recuperación e promoción do patrimonio. Recibiron unha figura conmemorativa que non leva parello dotación económica.

O ton reivindicativo comezou con medio centenar de persoas vencelladas ao Conservatorio e á Escola de Música portando pancartas nas que rexeitan "a suba abusiva de taxas" . Coa ausencia de Sotelo, que algúns afectados consideran intencionada, as críticas recaíron no concelleiro de Cultura, José Luis Gestido, que tivo que lidiar coa organización da gala, as pancartas (que se repetiron ao final dunha das actuacións) e algún asubío. Tamén oíu críticas por non incluir gaitas nin baile galego no programa, sendo como era unha festividade tradicional.

Unha breve representación teatral a cargo dos alumnos da Escola Municipal (EMAEC) abriu o capítulo cultural, que continuou coa entrega de premios. O da música foi entregado polo edil de Urbanismo, Rafael Soliño, a Juan Rial, músico, compositor, arreglista e membro de "Chicos del jazz", da banda Belas Artes e agora da banda de música de Arcade. El definiuse como "un humilde autodidacta" e agradeceu a distinción.

Teatro de Ningures foron os seguintes en subir ao escenario para recibir o premio ás artes escénicas e musicais, "polos seus 25 anos de traballo riguroso e comprometido", de mans da concelleira do BNG Mercedes Giráldez. As actrices Pepa Barreiro, Casilda Alfaro e Sonia Rúa leron un manifesto contra o "desmantelamento" que sofre o sector e a perda de axudas públicas para sustentalo e dignificar o traballo. Proclamaron que a cultura "pode e debe contribuír a saír da crise", ser un sector estratéxico da economía, e arremeteron contra a corrupción política e os intentos de analfabetizar aos cidadáns e calar críticas.

Xosé Manuel González Barreiro, "Oli", recibiu o premio á creación literaria que lle entregou o concelleiro do PSOE Martín Piñeiro. Mestre, escritor, tradutor, editor e director de coleccións de literatura infantil, dixo que "outros meréceno tanto coma min" e repartiu agradecementos entre o xurado, as persoas que lle transmitiron a palabra e a lingua, o seu fillo por animalo "a traducir en palabras os soños", á súa muller, "a lectora máis crítica e feroz" e os lectores "que se apropian dos libros e os converten en seus".

A Manuel Coia, premio ás artes plásticas como "un dos escultores galegos máis prestixiosos e con obras en moitos lugares do mundo" , entregoullo o concelleiro de ACE Xosé Manuel Pazos. O galardoado chamou a restaurar o cruceiro do Hío e destacou a figura do seu creador, Ignacio Cerviño, que foi recoñecido despois dunha vida de escaseces. "Do que eu sei é de escribir co ferro e a auga", sinalou para abreviar o discurso.

Despois dun intermedio musical entregouse o premio Ignacio Cerviño a Manuel Rodal por parte da concelleira do PP Marisa Prieto, xustificado na documentación da historia de Cangas, e de María Soliño en particular. El agradeceu o recoñecemento e lembrou ás persoas que se adican á mesma labor.

Xulio Mariño, en nome do Cine Club Cangas, recolleu o premio á labor cultural que lle entregou José Luis Gestido. El repasou os avatares, locais e avances técnicos en 36 años de andaina como alternativa ás proxeccións comerciais.