Día das Letras Galegas. Os veciños de Beluso non faltaron onte a unha cita que combina á cultura para alimentar á mente e a boa comida para alimentar ao bandullo. O fermoso entorno desta pequena capela, cunhas espectaculares vistas sobre a ría de Pontevedra, volveuse encher de vida, de cheiro a comida e dos sons da música tradicional galega. E tamén de verbas de louvanza ao homenaxeado este ano, Valentín Paz Andrade. Este ano a honra e a "responsabilidade" do pregón recaeu no xornalista e presidente da Asociación Cultural Retrouso, Rubén Bastón.

O pregoeiro quixo que o seu discurso servise para reivindicar unha figura que quizais para moitos non resulta moi coñecida. "Non é unha Rosalía de Castro, que ata ten cancións; nin un Castelao, que tiña debuxos. Nin sequera un Martín Codax, que polo menos sona a viño", dixo con evidente humor. Pero sí que resulta imprescindible o seu traballo é que Bastón definiu ao redor de tres eixos: "Galeguismo, xornalismo e mar". O galeguismo pola súa actividade nos comezos das asambleas nacionalistas e axudou a fuxir a varios galeguistas; o xornalismo polas súas colaboracións, artigos e a fundación do xornal Galicia, publicado entre 1922 e 1926; e o mar porque foi un experto internacional no mundo da pesca, fundador da revista Industrias Pesqueras e solicitado pola ONU e Pescanova. "Foi un triángulo equilibrado e nunca abandonou ningunha das súas tres paixóns", afirmou Rubén Bastón.

Esas paixóns fixeronlle pasar malos momentos na ditadura de Primo de Rivera e na Guerra Civil, con penas de cárcere e desterro. "Pero non se rendeu, foi un resistente porque a vida é moi longa e dá moitas voltas", afirmou o pregoeiro, quen reclamou unha resistencia similar para a cultura galega. "Non debe ser só o día das letras. Teñen que ser as semanas, os meses e os anos", reivindicou.

Día intenso

O pregón foi un dos actos centrais dun día cargado de actividades. Comezou cunha misa cantada polo Coro de Cela e antes da hora da comida actuaron o grupo de gaitas e baile Retrouso de Cela. E despois da comida ao aire libre €a choiva abstívose de facer acto de presenza€ viñeron os xogos tradicionais para os pequenos e non tan pequenos e as actuacións das pandereteiras A Quinta Ferreña, o grupo Os Liboreiros de Bueu e as pandereteiras de Retrouso.