Nun marco "ideal para as relacións entre os nenos, maiores, avós, veciños e forasteiros", e cun auditorio atento ao que contaba e cantaba, Blanco repasou os vínculos dos muíños co folclore tradicional e apuntou que seguramente a muiñeira reproduza en danza o movemento circular da moa, e o que é máis seguro, "o seu ronroneo serviu de acompañamento para moitas coplas e bailes que entretiñan ás persoas nas longas xornadas de espera" mentres o muíño non remataba a moenda: "Ron, ron, ron, ron/ esta noite fun ao muíño/ nin moín nin muiñei/ perdín a cinta do pelo/ iso foi o que gañei./ Cagha estribor postinera/ rabiosa aleghre de chanza/ con esta nosa rondaina/ has de bailar unha dansa".

Entre sons e cantigas, o pregoeiro tivo tempo de destacar o labor de Cacarexo para manter vivas as tradicións e transmitir de pais a fillos o que legaron os devanceiros, mentres milleiros de muíños esmorecen no resto do país. "Ver pois esta paisaxe natural, chea de vexetación autóctona, ver esta construcción en pedra tan fermosa, ver como a xente se achega ata aquí para conectar cos seus arraigos..., é a moitos de nós evocar e sentir o sacrificio dos nosos avós e avoas" para transformar a materia prima en pan. Tamén explicou as diferenzas entre os muíños de maquía (propiedade do muiñeiro, que cobraba cunha parte da moenda) e os de herdeiros ou comunais, onde as moendas se facían por tandas.

"No sobrado dábase moito a tertulia, a literatura, os contos..." e no tremiñado onde caía a fariña nunca faltaban a vasoira e o cazo, que Xavier Blanco tamén utilizou onte como instrumentos para acompañar outra copla: "Moendo, moe que moe, moendo/ moe que moe, unha mañán de xiada/ moendo, moe que moe, moendo/ moe que moe, esa si que é muiñada./ O muíño do meu pai/ ai, eu ben lle sei o tempero/ cando está alto, baixalo/ ai, cando está baixo, erguelo", completou, entre os aplausos do público.

Logo, este investigador e home orquestra falou das muiñadas como festa por excelencia a carón do muíño cando os herdeiros se xuntaban para arranxalo. "Existía a broma de repenicar cos dedos nunha tella mentras se facían os traballos de asentado e arranxo do tellado", explicou o pregoeiro antes de reproducir aquela escena e tamén de facer soar a gaita, previa ao disfrute da botifora, o xantar con empanada de fariña de millo, migas con ovos ou bolos en couro como preámbulo da troula.

Ingredientes todos eles que tampouco faltaron onte a carón do Muíño de Fausto, cos postos de venda de productos da terra e centenares de persoas compartindo a tradición. As gaitas de Tromentelo ("¡basta xa!, non pode haber unha festa en Galiza donde non haxa unha gaita!", acababa de reivindicar Xavier Blanco) amenizaron o xantar, e a música tradicional de Sons do Muíño e Abaladoiro, a transición ao solpor.