A Asociación Cultural Cacarexo decidiu recoñecer a traxectoria e o traballo levado a cabo por Lembranzas da Ría en prol da recuperación e posta en valor da música e do baile tradicional galego, razón pola que lle concedeu o VI Premio Cacarexo. O presidente do colectivo de Coiro, Ángel Martínez, suliñou na súa intervención que ese traballo dura xa máis de 25 anos e que a súa divulgación e difusión non se limita só ao ámbito de Galicia, senón que Lembranzas protagonizou actuacións no resto de Estado e no estranxeiro.

O acto celebrouse no Centro Sociocultural de Coiro e incluiu unha proxección fotográfica que serviu para facer un percorrido pola historia de Lembranzas, dende a súa fundación no ano 1984 ata os tempos actuais. O seu fundador foi Xosé Menduiña Bastón, que estivo presente onte entre o público, e no ano 1994 cedeulle o relevo a Manuel Cobas. Foi precisamente o actual director o encargado de mostrar o agradecemento do grupo "polo feito de que Cacarexo pensara en nós e tivera en conta o noso traballo". Cobas fixo unha encendida defensa do baile e da música tradicional galega. "Non se trata só de espectáculo, senón que tamén forma parte da nosa identidade como pobo", suliñou na súa intervención.

A gala celebrouse no Centro Sociocultural de Coiro e durante o seu transcurso houbo unha actuación da Banda de Gaitas Tromentelo de Coiro e do grupo de pandereteiras de Lembranzas da Ría. O acto contou coa presenza de numeroso público e representantes doutras asociacións culturais. Tamén houbo representación institucional do Concello de Cangas, coa asistencia do alcalde, José Enrique Sotelo, e do concelleiro de Cultura, José Luis Gestido.