Na convocatoria déixao moi claro: "Ás 22.30 horas. Puntual". E quen coñece o seu traballo insiste en que vale a pena non demorarse para asistir desde o primeiro minuto a un espectáculo que, ademais da calidade musical, contará cun decorado especial e promete "moita enerxía e interacción entre os músicos". Estase a falar de "Agromando", o primeiro traballo do batería cangués Iago Fernández ao frente dunha formación que completan Pablo Castaño (saxo alto), Xan Campos (teclado), Demian Caboud (contrabaixo), André Fernandes (guitarra eléctrica e acústica) e Virxilio Da Silva (guitarra eléctrica). Con dúas baterías sobre o escenario, calquera afeccionado pode dar-lle voltas sobre o estilo de música que vai escoitar. Podería pensarse nunha aproximación ao rock, nun xénero mestizo... Pero Iago Fernández escapa das etiquetas que soen buscar os críticos para diferenciarse e ter titulares: "É jazz. Contemporáneo, moderno, con influencias de compositores actuais... O mellor é que a xente veña sen saber moi ben o que se vai atopar, e logo se sorprenda", invita o principal protagonista do concerto que se ofrece mañá ás 22:30 horas no Auditorio.

Fernández fala con ilusión do seu primeiro traballo e con orgullo dos compañeiros de experiencia, que considera entre "os mellores da Península Ibérica", aos que se refire como "maestros" e cos que afirma entenderse moi ben a nivel musical e persoal na interpretación dos temas que compuxo e na busca de novos sonidos. Con eles xa ten compartido outros escenarios este xove músico nacido en Cangas que comezou estudios no conservatorio da súa vila, aos 15 anos tomou contacto co Seminario de Jazz de Pontevedra e con 19 iniciou estudios de grao superior de jazz en Musikene (Donostia) cos profesores Jo Krause, Jordi Rossy, Albert Sanz, Perico Sambeat e Guillermo Klein, entre outros. Ben Street, Mark Turner. Miguel Zenón, Mike Kanan ou Ben Monder tamén lle ensinaron parte do moito que sabe.

Tamén moitos dos máis importantes festivais do país saben del, e ten tocado ademais en Alemaña ou Ecuador con músicos de moita sona. A Cangas chega "Agromando" da terra na que empezou e con miras a seguir medrando como músico, a abrirse oco nun difícil mundo no que mesmo hai que financiar os propios discos. Mañá pola noite a cita é no Auditorio. "22:30 horas. Puntual".