"Cando menos un de cada tres rapaces do centro, cos seus pais, estamos aquí para reinvindicar o que cremos que temos dereito", expresaba unha das nais participantes na orixinal protesta, un picnic moi concurrido que comezou pasadas as dúas e media da tarde, ao saír das clases, e durou algo máis que a comida nos pratos. No interior do consistorio xa non estaban os políticos, aos que boa parte da comunidade educativa reclama medidas para que o comedor escolar entre xa en funcionamento con xestión pública, e non que teñan que ser os pais e nais os que se fagan cargo do servizo, como acontece en Nazaret ou O Hío, donde tamén aparecen voces discrepantes con este sistema.

As reunións co concelleiro de Educación, José Luis Gestido, non deron froitos ata agora, e mesmo abondaron nas discrepancias sobre a "politización" do asunto. A Anpa volveu pedir outra reunión con Gestido, e tamén co alcalde, José Enrique Sotelo, e o xefe territorial da Consellería de Educación, para facer un novo intento de acordo. Tamén preparan escritos dos pais, a título individual, para insistir á Xunta que o asuma. A súa presidenta, María Fernández, estima que arredor de 20 alumnos quedarían a diario no comedor do centro (no que están matriculados uns 200) se existira o servizo, e varios máis faríano en días espallados da semana. A capacidad máxima do comedor, con mesas e sillas, ronda as 70 prazas, e precisaría unha revisión sanitaria e o permiso da Xunta para entrar en funcionamento.

Lemas da protesta

Para facerse ver e oír, os concentrados onte fronte o consistorio (entre os que tamén había membros doutros centros) despregaron pancartas e carteis con lendas como "somos a cenicienta dos CEIP do Morrazo?", "os avós non poden máis", "coa comida non se xoga", "isto é conciliación da vida familiar e laboral?", "uns tanto e outros tan pouco" ou "así se come na Rúa". Se as próximas xestións non fructifican, afirman estar dispostos a buscar outras formas de mobilización para presionar.

Ao rematar a protesta, a Anpa do Ceip A Rúa emitiu un comunicado no que recalcan que "a xestión dos comedores non lle corresponde ás Anpas, senón á Administración", á que sitúa fora da realidade social por esquivar servizos que hoxendía son imprescindibles. Tamén aclara que non piden que a Administración corra cos gastos do menú ou o custe das actividades, senón só "que administre estes servizos, como é a súa obriga".

Asimesmo, consideran inxusto que haxa prezos distintos en función do colexio, que o servizo de comedor deixe fóra familias con dificultades económicas, ou que se queira deixar baixo a responsabilidades da Anpa o control da calidade dos menús, a salubridade do espazo, a legalidade dos contratos, a situación laboral do persoal ou o reparto das axudas recibidas.