A decisión da Xunta de acometer un plan de mellora para reubicar algunhas ambulancias foi interpretado polos sindicatos como o anuncio dunha serie de recortes no servizo. Iso motivou unha folga o pasado día 8.

- En qué situación se atopa agora o servizo do 061 na comarca de O Morrazo en canto a número de vehículos e de persoal?

- No Morrazo non se está a seguir, nin de lonxe, as recomendación "mínimas" de organismos como a OMS o Ministerio de Sanidade ou a DGT no que se refire a ambulancias por número de habitantes. Nomeadamente, o Ministerio de Sanidade establece para zonas entre 10.000 e 50.000 habitantes unha ambulancia por cada 15.000 e unha medicalizada en poboacións próximas a 30.000 que non dispoñan de hospital en 30 minutos. Como podería ser o caso de Cangas ou Bueu. Este recorte, pois, non fai máis que afondar no problema.

Non deberiamos cometer o erro de ver este ataque dende unha prespectiva local, hai que entender isto como unha reacción en cadea. Ao suprimir a ambulancia con base en Marín, cando salte unha emerxencia nesta localidade acudirán as ambulancias con base en concellos máis próximos e si se da a circunstancia de que tamén estan ocupadas, a persoa necesitada de axuda terá que agardar, co prexuizo que isto supoña. Non hai que esquecer que unha intervención no medio rural (chegada, atención, traslado e regreso a base) prolóngase, en calquera ocasión, por máis dunha hora.- Qué argumentos ten a Xunta para o recorte e como os rebatides?

- A Xunta de Galiza, en declaracións da súa Conselleira de Sanidade entende, esta eliminación de ambulancias como un "Plan de reubicación de ambulancias dacordo á actividade que realizan" Contra isto, debemos ser moi contundentes e deixar claro que non se trata dunha reubicación, posto que se eliminan ambulancias e non se crean novas bases.

Tamén dende o 061 se fai referencia a un "Número de servizos realizados insuficientes para xustificar a presencia dunha ambulancia". Nós, pola contra, cremos que o criterio que se debe empregar para xustificar a súa necesidade e o "ratio" (número de ambulancias, segundo o número de habitantes). Deste xeito, se unha ambulancia fai tan só un servizo e salva unha vida, a súa presenza está máis que xustificada. Unha ambulancia non é un axente económico, non produce, polo que os datos de funcionamento dunha ambulancia non xustifican a súa eliminación. Hai que deixar claro que en Galiza non se está a seguir as recomendacións internacionais sobre a composición dos Servizos de Emerxencias Médicas.

- Haberá máis mobilizacións por parte dos sindicatos dos traballadores?

- A pesar de que si haberá máis mobilizacións, a verdade é que entendemos este conflicto como unha problemática social, máis aló de ser un problema extrictamente laboral. Ademáis das perdas de postos de traballo que este recorte supuso para a comarca, quen realmente se ve afectado somos todas e todos nos, que pasamos a contar cun servizo absoluntamente precario e deficiente. Nese sentido, teño que dicer que boto de menos unha maior implicación da sociedade nas diferentes actividades de protesta que organizamos. Salvo en escasas excepcións como a concentración de repulsa no concello de Marín do pasado mes, estamos tan só o persoal traballador.

- Por que non foi posíbel dar marcha atrás a esta medida da Xunta?

- Por desgraza, abundan os exemplos nos que a falla de información, o alto grao de conformismo, e a mínima participación da sociedade na mobilización social permiten que grandes recortes en como a rebaixa das pensións, a contención salarial ou o ataque aos servizos públicos se implanten sen demasiada oposición. Este é un exemplo máis, onde aos cidadáns se lles retira un dereito fundamental, o da prestación dunha "pronta" asistencia sanitaria en caso de emerxencia e non ocorre nada. Ogallá me equivoqué, pero algo moi malo terá que acontecer cando alguén cun infarto, un neno enfermo ou nun accidente tráfico, agarde demasiado tempo por unha ambulancia para que algo cambie.

- Que falta por mellorar no servizo do 061?

- O 061 en Galiza foi pioneiro en varios programas, como por exemplo, ser o primeiro servizo de emerxencias do estado español en incorporar desfibriladores nas ambulancias para a súa utilización por persoal técnico. Nembargantes, queda moito por facer, tanto na formación de persoal na súa preparación para a profesionalización do sector, como na incorporación de avances tecnolóxicos tales como sistemas de navegación GPS ou dispositivos de telecomunicacións e telemediciña. A día de hoxe tan só dispoñemos dun teléfono móbil e unha emisora de rede obsoleta.

- Como é o traballo dun Técnico de Emerxencias Sanitarias? Un día na vida de Óscar Graña.

- Ao contrario do que a xente poida pensar, a idea do paramédico "supersalvavidas" que ofrecen as series de televisión, dista moito da realidade. O persoal técnico de emerxencias ten entre as súas funcións a Reanimación Cardiopulmonar ou atención de pacientes politraumatizados, sen embargo, as máis das veces os servizos que realizamos non son nin de lonxe tan emocionantes. Normalmente é o contacto con persoas enfermas, habitualmente os nosos maiores e a sensación de prestarlles axuda ao facer o seu traslado o máis levadeiro posíbel, o que caracteriza o noso día a día. Este é un traballo cun gran componente vocacional no que recibes un salario mileurista por unha grande responsabilidade.

- Creedes que isto é a punta do iceberg de próximos recortes e por que a Xunta toma esta medida que ao mesmo tempo é tan impopular?

- Estamos convencidos de que isto non fixo máis que comenzar e que despois das eleccións do 20 de novembro o PP continuará a facer recortes. De feito, somos coñecedores de reunións entre a administración e a patronal de ambulancias nas que se esta a elaborar un calendario de eliminación progresiva de unidades de servizo urxente e programado.