Durante a vida de cada un, o longo de ese camiño que percorremos, atopamos faros, iconos, persoas que admiramos e respectamos e tomamos de exemplo e guía polo moito que significaron para nos.

Na miña "atrevida" incursión no mundo da gaita e a música tradicional tiven a gran sorte de tropezar con algúns deses "faros" que se volcaron conmigo, que me guiaron e me levaron polo camiño, as veces agradable, as veces tortuoso pero sempre gratificante da nosa música.

Aquel ano 1979, cando o mestre do colexio do Hio, actual CEIP, D. Luis Pérez ensinoume a sentir a música e a sacar notas daquela flauta, dinme conta que gran parte do meu percorrido pola vida estaría cheo de notas musicais. Chegou Anxo Gago "Lito", e coa primeira gaita nas mans, conseguiu sacar de min muiñeiras, pasodobres, xotas….

Fora da protección das paredes do centro escolar, con 15 anos e xa como compoñente do grupo de gaitas "Buxos Verdes", José Gutiérrez, "José da Chamiseira" puliume e consolidoume coma "gaiteiro", ensinándome pezas do repertorio dos "Airiños do Mar" e o máis importante, a ser coidadoso coa afinación e os instrumentos. Con Nazario Gonzales "Moxenas" ou Iván Costa, traballei outros estilos e participei con formacións descoñecidas ata entón por min.

Pero, entre todos estes grandes "faros", un alumeou con máis forza: Manolo Fernandez "Lucho", icono e guía, coma persoa e coma gaiteiro, persoeiro que sabe e ama este instrumento e de quen aprendín o significado completo de ser un "gaiteiro".

Lucho di que un gaiteiro non é aquel que move máis veces por minuto os dedos, nin o máis virtuoso, nin o que toca máis pezas, nin o que ten a gaita máis cara, nin o traxe máis bonito, nin moito menos o que leva a gaita ó lombo. Ensinoume respecto. Respecto polos que consideramos mestres e referencias, pero tamén polos que están ao noso carón, polos que tocan pezas sinxelas, polos que vemos "pouco afinados", polos que creemos "fora de ritmo", porque todos eles teñen algo que ensinarnos, algo que nos falta aínda coma gaiteiros.

Di que de todos temos algo que aprender, e sempre respectar, porque entre todos conseguimos que a nosa gaita non desapareza, que non se desvirtue o seu deseño polas "importacións" de outros países, que o seu "son" puro nos identifique coma galegos e nos axuda a transmitir e perpetuar esta fermosa e sonora parte da nosa cultura, da nosa esencia coma pobo. Lucho foi o que me amosou o significado da humildade dentro de este mundo.

Moito teño que agradecer, eses consellos non só me axudaron no mundo da gaita se non tamén na travesía da vida. "Maestro": grazas por todo, por estar atento a min, a miña familia, por levar no corazón a Vilariño e súas xentes e por suposto por amar e ensinarme a amar a nosa música, a nosa gaita. Estas notas, por vostede e por nos, seguirán soando entre a brétema do mar e a profundidade do bosque por sempre.