Non hai mellor título para un libro que tenta promover a conservación e o coñecemento dos bailes tradicionais que “Na punta do pé”. Ésta foi a expresión escollida polos integrantes do grupo Pesdelán para o seu novo proxecto, editado por Kalandraka, e que é moito máis que un libro: inclúe un CD e un DVD para facer máis comprensibles os contidos e as danzas que se recollen. Algúns dos integrantes do grupo, como Mercedes Prieto, estarán mañá xoves ás 18.00 horas no Auditorio de Cangas para participar nunha presentación e un obradoiro aberto e cun carácter marcadamente interactivo.

“Na punta do pé” recolle doce pezas e outros tres cortes de carácter instrumental. Hai muiñeiras, jotas, valses, pasodobres... e o denominador común de todas estas músicas e bailes é que foron recollidos en lugares de Galicia e Portugal. A única excepción é “Baiao”, un tema orixinal de Bahía (Brasil) pero que chegou ata terras portuguesas. “O que pretendemos é que estes bailes que se fan de xeito natural nas festas e celebracións non desaparezan e que a xente aprenda a bailar”, explica Mercedes Prieto, que xa impulsou unha iniciativa semellante durante unha estadía en Portugal.

Os temas que forman parte de “Na punta do pé” foron escollidos porque “son sinxelos, asequibles e poden funcionar con todo tipo de persoas”. A decisión de incluir un DVD e detalladas ilustracións de cada unha das danzas —obra do portugués Joao Vaz de Carballo— é para facilitar a comprensión dos pasos e dos puntos, algo que resulta máis doado en base a imaxes e debuxos. E é que esta publicación tamén quere chegar ás escolas, “onde as artes e as danzas aínda non teñen demasiada presenza a pesar de que son un bo vehículo para fomentar competencias como o traballo en grupo”, lamenta Mercedes Prieto. Ademais axuda a conservación do patrimonio inmaterial galego-portugués e contribúe a que os rapaces coñezan mellor o lugar do que proceden e a súa cultura identitaria.

O obradoiro de mañá no Auditorio será esencialmente participativo e Prieto combinará as explicacións con demostracións en vivo cos propios asistentes á presentación de “Na punta do pé”. “Está claro que así se van entender moito mellor”, suliña Prieto. Xunto a ela forman parte de Pesdelán Montserrat Rivera (tamén de Leilía), Uxía Cribeiro, Xan Pampín, Carlos Freire, Miguel Florez e Amadeo Gottardi.

Este traballo está producido por Pedro Pascual, acordeonista do grupo Marful, e a publicación ten tamén unha edición en portugués, na cal tres dos temas son cantados por Selina da Piedade mentras que na edición galega canta Guadi Galego.

Aula de estimulación

Este acto será ás 18.00 horas, aínda que previamente Mercedes Prieto estará nunha actividade cos nenos e nenas da aula de estimulación de Cangas, un total de 45 persoas. Tamén traballará con eles aspectos relacionados co baile e que poden resultar tamén de gran interese e axuda para o seu desenvolvemento.