Facer entendible aos estudantes de Primaria e de Secundaria aspectos da física que ás veces semellan moi alonxados da realidade como a Teoría do Big Bang, a antimateria ou a os buracos negros foi unha das principais misións que onte desempeñaron catro dos científicos galegos que desenvolven a súa actividade no Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN), a referencia mundial dentro da física de partículas. A través dunha videoconferencia dende o centro ubicado en Xenebra (Suíza) participaron os doutores Teresa Fonseca e Abraham Gallas, aos que se sumaron dende Santiago de Compostela Elena González e dende o IES de Porto do Son Carlos Salgado.

Tratouse dunha experiencia pioneira con motivo da "Xornada pola ciencia en galego" que tiña, como un dos obxectivos primordiais "demostrar que o galego é unha lingua apta para transmitir o coñecemento científico e tecnolóxico", en palabras do representante da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que organizou a actividade en conxunto coa Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. En total participaron 60 centros públicos, concertados e privados. E uns 2.700 alumnos estiveron atentos ás pantallas do ordenador e interviron a través dun chat. Na comarca participaron uns 32 alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP Quintela de Moaña, e estudantes de bacharelato dos institutos de Rodeira e A Paralaia.

O profesor da USC, Carlos Salgado, comezou a conferencia explicándolle aos alumnos que pese ao lonxano que pode parecer o CERN todos os galegos que traballan nel estudaron antes en colexios e institutos galegos.

A ourensá Teresa Fonseca que traballa directamente no coñecido acelerador de partículas ubicado a 100 metros baixo a terra. Trátase do maior do mundo e consiste nunha circunferencia de 30 kilómetros de largo. "Tratamos de mirar as cousas máis pequenas que forma a materia colisionando partículas para que se dividan. Conseguimos ver as partículas máis pequenas que xamais viu ninguén e iso nos permite entender moitas cousas máis grandes como os primeiros momentos do universo tralo Big Bang", explicou a científica.

Abraham Gallas, pola súa parte, sinalou que a súa funcion é conseguir antimateria de xeito artificial e ver as diferenzas que presenta con respecto á materia.

Elena González explicou que a intención final do centro é contrastar as teorías que ata o de agora non pasaban do papel, e Fonseca tranquilizou aos pequenos ante os rumores de que o acelerador de partículas provocaría un buraco negro que perxudicaría á terra. "O mundo non se desintegrará, se non xa o faría porque todos os días chegan raios cósmicos cunha maior enerxía da que se produce aquí", indica.