O picapeixe, ou martiño pescador, caíu nas redes colocadas por Anduriña á metade dunha xornada que comezou anubrada e con vento arredor das nove e media, pero que foi abrindo para invitar á participación, sobre todo de nenos. Aínda que habitual nos arredores da Congorza, donde os membros de Anduriña o teñen observado pescando pequenos muxos ou descansando na lagoa de Massó, ten carácter esvaradizo e non é habitual telo tan preto, o que converteu a anécdota en festa.

Non foi a única nota chamativa dunha xornada que se celebra en todo o mundo con múltiples actividades promovidas por Seo/BirdLife que tentan dar a coñecer "o apaixoante mundo das aves e a importancia de conservar o noso patrimonio natural", sinalan os promotores, que incidiron no lema desta edición, "Salvemos a biodiversidade", diante das abultadas cifras de extinción de especies atribuídas "á acción destructiva do ser humano".

O valor medioambiental de Punta Balea quedou constatado coa captura de 70 exemplares de catro horas de actividades. Por número destacaron o pardal (ligado aos campos de cultivo) e o gorrión común, pero capturáronse paxaros de case todos os tamaños e cores, como os "sedentarios" verdeales, papuxas, paporrubios, carrizos ou merlos, así como aves migratorias que van camiño de África. É o caso do picafollas ou mosquitero musical, de apenas oito gramos de peso e que viaxa máis de 5.000 kilómetros desde Escandinavia para ir pasar o inverno na África subsahariana.

O traballo dos membros de Anduriña, axudados onte por unha morea de voluntarios, consiste en capturar exemplares ao chou e supervisar o bo estado dos paxaros, anotar datos como especie, idade, sexo ou peso e colocarlle un anel identificativo, antes de devolvelos ao seu hábitat natural. Resultou chamativo que entre os 70 exemplares capturados non aparecera ningún previamente anelado, o que, a xuízo de Antonio Fernández Cordeiro, membro do grupo, da idea "do movemento e rotación que se produce nesta zona, donde marchan uns e veñen outros..." Si puideron observar na zona, por telescopio, un xuvenil de gaivota común (patiamarela) marcado este ano en Alxeria.