D.GARCIA - CANGAS
A montaxe teatral de "A illa das mulleres loucas" en realidade está concebida como un recital dramático e no que resulta fundamental a linguaxe do corpo das súas actrices principais, que neste caso son María Carrapini e a canguesa Vanesa Sotelo. Un dos grandes alicientes desta obra é que conta cunha música orixinal e composta especialmente para ela por dous dos músicos que forman Berrogüetto: Anxo Pintos á zanfona e Quico Comesaña á arpa. Para a estrea, que terá lugar o vindeiro mércores 28 de xullo no auditorio de Cangas (ás 22.00 horas) ambos músicos estarán presentes para interpretar en directo as composicións.
O texto baséase nunha obra homónima de Alfonso Pexegueiro, que tamén participa na representación a través da súa propia voz. "A illa das mulleres loucas" tenta presentar a unha muller "escindida entre a vida e a morte, entre o primitivo e o civilizado, entre a razón e a paixón, entre a ilusión do futuro e o desengano do pasado", explican dende a propia compañía Inversa Teatro. O resultado final "é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen".
Inversa Teatro é unha compañía de recente creación, fundada en 2009 co pulo de Marta Pérez e Juan Hernández e co desexo de colaborar con artistas procedentes de diversos eidos, como a música, o audiovisual ou as propias artes escénicas. A súa aposta é por un teatro "contemporáneo, experimental e de autores galegos" para atravesar fronteiras. Ese obxectivo xa se está logrando posto que a compañía xa foi seleccionada para a cuarta edición do festival de autores contemporáneos Escenas de Noviembre, que se celebra en Madrid baixo a organización do Teatro del Astillero.
Máis estreas
Inversa Teatro non so estreará nestes días "A illa das mulleres loucas". Este sábado fara o propio coa creación colectiva "Expostas", que se poderá ver no Teatro Principal de Pontevedra. E ao mesmo tempo está a ensaiar a súa próxima montaxe, titulada "Kamouraska" e que é obra da canguesa Vanesa Sotelo. Para esta obra a compañía contará coas axudas oficiais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).