G.M.PORTELA - CANGAS
A poesía, de tan complexa definición e que nos manuais de uso más estendidos preséntase como a manifestación da beleza e do sentimento estético por medio da palabra, é para Elías Portela, filólogo e tradutor de varias obras do islandés ao galego, “calquera función da linguaxe que ten como importancia maior o código da linguaxe”. Ademais da súa función literaria, ou tal vez por ela, o poema “segue a ser un arma cargada de futuro”, porque, ainda que non dea para comer, vale para outras moitas cousas, como axudar a que a língua perviva. É o que fai Elías Portela (ou Knörr) desde o exilio voluntario en Reyjkjavik, donde recuperou unha paixón pola poesía que mantiña aletargado desde tempos do instituto, e que agora se dispón a presentar en sociedade na propia vila, donde pasa unha temporada vacacional.
Impulsos cardiacos
A portada de “Cos peitos desenchufados”, editado por Barbantesa, representa o esquema eléctrico dun desfibrilador, o que dá a entender que o que alberga ten bastante que ver co corazón. O subtítulo, “Tango de Lonh”, ven a incidir nesa pista, pois remite a un poema occitano, “Amor de lonxe”, que tivo moito que ver na inspiración dalgúns poemas. A subordinación do autor á propia obra, a polifonía deste, ás veces con voces antagónicas, as posibilidades creativas da linguaxe ou a necesidade de rescatar a poesía como medio de darlle vida a lingua para evitar que se convirta en testemuño fósil, son outras propostas do libro, que está cargado de imaxes e de suxerencias, e induce ás veces a unha lectura intuitiva do texto. “Cheguei a deixar de escribir por problemas de incomprensión”, recoñece Elías Portela, que reserva entre as páxinas algúns chiscos para o cine, o teatro, a música, ás veces cun “palabrario” propio, e sen esquecer a ironía e o humor intelixente “que non me saen ao escribir en islandés”.
Na presentación de hoxe, ás nove da noite na librería “A Esmorga”, de Cangas, estará acompañado por María Graña aos teclados. Será unha forma máis de achegarse e de experimentar a poesía, fomentando a comunicación interlinguística e interdisciplinar. E tamén de convocar ao lector, nun intento de desmonopolizar o control da literatura por parte das grandes editoriais e distribuidoras para facerse visibles, romper ese “círculo de protección” en favor duns poucos.