No pasado día 2 de xuño ás 12 da mañá, o sancristán Antonio Pérez, dispúxose a dar un toque de "sinais" moi especial, co obxecto de que as campás da igrexa de San Martiño, a través do seu centenario linguaxe, espallaran a nova de que morrera o crego nacido na freguesía moañesa, D. Manuel Rodríguez; dun xeito semellante, e nunha singular coincidencia, foran tanguidas na mesma data do ano 1950, para sinalar o finamento do seu mentor, o abade D. Enrique Rubido de la Gándara. Tamén no 22 de novembro do 2000, desa tradicional maneira anunciaron a morte do párroco D. Heraclio Couceiro.

O anuncio sonoro do pasamento de D. Manuel, distinguiuse dos que aínda lle fan aos fregueses laicos, porque as campás fixéronse soar dun xeito diferente, iniciando as series a de son grave, en vez da que o ten agudo; desta forma, deu comezo unha liturxia mortuoria, parella a que se empregara co finado D. Enrique 60 anos atrás, coa diferencia de substituír o latín polo castelán e unha mínima doses da lingua galega, nas cerimonias fúnebres.

Este crego, malia que viñera ao mundo na parroquia de Moaña e fora coadxutor de D. Donato Bernárdez, na súa igrexa de San Martiño, dende o ano 1957 ao 1961, exerceu logo como párroco na veciña freguesía de San Xoán de Tiran, habitando ata o ano 2009 a súa reitoral, en cuxo arquivo conservábanse documentos, que a partir do século XVI trataban, entre outros moitos aspectos históricos, das especiais relacións que sempre existiron entre as dúas parroquias do actual concello moañés. Sinalaban os legaxos que no intre de morrer o párroco de calquera delas, ó da outra debía facerse cargo de presidir seu enterro e honras fúnebres, así como de cumprirse o testamento no que tiña que ver coas mortallas, misas, ofrendas dominicais, etc. Isto foi así ata ben entrado o século XX en que moitas costumes tradicionais eclesiásticas foron caendo en desuso.

Tamén é salientable o feito de que os párrocos xa non sexan enterrados nos presbiterios das igrexas, como ocorría neste arciprestado do Morrazo ata o primeiro tercio do século XIX, ou no chan exterior que está diante das fachadas principais delas, como pasou pola derradeira vez en Moaña o 3 de xuño de 1950, día en que se deu terra ao citado D. Enrique Rubido. Os restos mortais de D. Manuel foron depositados nun nicho do actual cemiterio municipal moañés, amortallado cunha alba e a casulla que empregara na data do 27 de xuño de 1955, cando celebrou a súa primeira misa no templo histórico de Moaña, oito días despois de ordenarse sacerdote; roupas eclesiásticas parellas foron levadas aos sartegos pola meirande parte dos curas que lle precederon.

Denantes do enterro, o arcebispo compostelán, D. Julián Barrio, concelebrou cunha ducia de cregos un solemne funeral, onde a diferencia do que se fixera nas honras de D. Enrique, nin un solo canto en latín partiu da tribuna da igrexa de San Martiño, na que o finado párroco de Tiran houbera dado auténticos concertos de música gregoriana, acompañado polos acordes dun harmonio que facía soar dun xeito extraordinario.

As persoas desta bisbarra, que ao longo de medio século, estivemos a gozar cuns sobresaíntes recitais sacros, tanto en latín como en castelán e galego que os muros e bóvedas centenarios da igrexa de San Martiño encargábanse de espallar por toda a súa contorna interior, teremos sempre na lembranza a este bo sacerdote, que en 1943, con 14 anos de idade, principiou os estudos eclesiásticos no seminario compostelán. Por este motivo, no intre en que nos dirixamos cara a tribuna do templo e ollemos a cadeira que está diante do harmonio, algúns de nos, deixaremos voar a imaxinación deica tempos preconciliares, onde os 20 fachos de cera acendidos arredor do túmulo que se compoñía para os oficios de defuntos, ademais das moitas velas que se alumeaban, lograban o efecto de facer carraspexar a Don Manuel, polo fume que ascendía ata el; malia que de seguido, continuara cos responsorios, himnos e outros cantos chairos que remataban en latín, do mesmo xeito que o devandito arcebispo compostelán o fixera no seu funeral de corpo presente, co obxecto de despedilo, cantando en castelán: "Dale Señor el descanso eterno- Descanse en paz - Amén".