REDACCIÓN-BUEU
O Centro Social do Mar, de Bueu, encheuse onte pola tarde para escoitar ao catedrático de Economía na Universidade de Santiago, ex voceiro nacional do BNG e líder da corrente "Encontro Irmandiño", Xosé Manuel Beiras, que ofreceu unha conferencia sobre as causas da actual crise económica, as súas consecuencias e as alternativas para poñerlle freo. Beiras estivo acompañado no estrado pola concelleira Laura Ogando e o militante nacionalista Xosé Manuel Bacelar, e nas primeiras liñas do público estaban, entre outros, o alcalde Félix Juncal e os concelleiros Carlos Otero, Teresa Magdaleno, e Manuel Otero, así como representantes de distintos colectivos sociais.
O poñente non perdeu a oportunidade de criticar a política "neoliberal" da Xunta, en especial no tocante á área social, e de repasar algunhas cuestións de actualidade en Galicia, como a fusión das caixas, antes de abrirse un turno de debate no que o público puido participar coas súas preguntas e impresións.