D.G.P.- O MORRAZO
O que propón Projecto [`Trépia] na súa última montaxe é unha deconstrución da tradición. Deconstruír, que non destruír. Unha análise polo miúdo dos elementos que forman a tradición para logo fusionalos coa modernidade e así obter un resultado novo e rexuvenecedor para este século XXI. Sampleo de bases, protagonismo da zanfona electro-acústica, batería electrónica e baixo para reforzar os ritmos tradicionais, voces e percusión en directo son os ingredentes empregados nesta fusión.
O grupo presenta a súa nova proposta hoxe no Auditorio municipal de Cangas, a partir das 22.30 horas, e a acollida que tivo ata o de agora non podía ser mellor. O segundo posto no recente certame Festi Madtaste-Premios CEV de Madrid, na categoría de raíces e fusión, é unha boa proba. O sampleo das bases faise con tomas en acústico de instrumentos tradicionais ou ben con fragmentos de gravacións de recolleitas, un feito inédito ata o de agora.
Audiovisual
Ademais, en "Trépia 1 punto 3" cobra importancia o mundo do audiovisual, para o cal empréganse videos desas mesmas recolleitas ou de nova creación. E o espectáculo complétase coa danza tradicional, cuxa presenza é "indispensable". Por iso o grupo salienta que estamos "ante unha nova visión da música tradicional galega no século XXI: non reciclamos cousas antigas, reciclamos cousas contemporáneas", suliñan dende Projecto [`Trépia].
A actuación de hoxe en Cangas será a presentación oficial dunha proposta "músico-baile-visual" innovadora e moderna coa que se reivindica un papel vivo para a tradición.