Na escultura, que o artista Manuel Varela está rematando na urbanización do Rosal, de Moaña, encontrase o león rampante que aparece en varios escudos do devandito pazo do Rosal, no de Paxarín e no interior da súa igrexa románica, retirado este último a mediados do século XX. O mais representativo deles, quizais sexa o que fora colocado na parede da casa do Rosal por un membro da estirpe dos Romai cando descorría a XVIª centuria, co obxecto de perpetuar ese apelido procedente da nobreza galega, nun solitario félido.

No escudo de madeira que estivo no panteón rosaliano, erguido na capela maior do templo de San Martiño a comezos do século XIX, o león dos Romai compartía protagonismo cos símbolos doutros liñaxes. Por facer de epitafio, numerábanse nel, do xeito seguinte, os apelidos, títulos e data en que finaron dous señores paceños alí enterrados: (JOSÉ SAAVEDRA DE YEBRA Y ROMAY SUAREZ DE DEZA, SR. JURISDICCIONAL DE LOS COTOS DE VILLALPAPE, TUIRIZ,MARZÁN Y SANTIAGO DE CEDRÓN, CAPITÁN DE LA GUARDIA REAL PROVINCIAL, PATRONO DE ESTA SANTA IGLESIA PARROQUIAL. EN 22 MARZO DE 1827. Y SU NIETO D. JOSÉ, CABALLERO DE LA REAL Y DISTINGUIDA ORDEN DE CARLOS III EN 24 JULIO DE 1873)

Ata sete párrocos, que viviron na rehabilitada reitoral de Moaña, levaron o apelido Romai, dende o século XVII ao XIX. Tratábase de fillos segundoxénitos dos señores do Rosal, posuidores do padroado e dereito de presentación de abades na igrexa de San Martiño. No que ten que ver con Paxarín, cuxa granxa vinculouse en 1613, a súa casa grande fora botada abaixo en 1757, cando vivía nela D. Pedro Benito Aballe, Mariño ... Romai, o señor que logo a substituíu polo pazo actual, onde estivo a poñer un escudo de pedra que mandara traer seu avó materno dende a granxa de Balea en Darbo, de onde procedía. Chamábase D. Pedro e os seus apelidos, representados no escudo, o mais antigo dos que se encontran en Moaña, por haberse labrado en 1.539, son os seguintes: Mariño de Lobera, Romai, Soutomaior, Junquera ...

Un bisneto deste fidalgo, D. Pedro Benito Rubiños, Mariño, ... Romai, señor de Paxarín foi pioneiro da industria moañesa cunha fábrica de salgadura de peixe con tecnoloxía dos fomentadores cataláns, nos terreos que mercou en 1792 no Con, en Tiran. Logo de finar en 1830 pasou a súa filla mais nova, Dª. Serafina, morta solteira en 1874 con 55 anos, despois de ser a primeira muller empresaria de Moaña.

Malia que non se conserven escudos desa familia, documentos da metade do XVIII constatan a existencia de D. Ignacio Broullón Romai que tiña casa no Outeiro da Igrexa, a cal segue en pé, aínda que bastante alterada; este fidalgo casárase de segundas nupcias con outra muller de Paxarín chamada Dª. Rita Rubiños Mariño coa que tivo un fillo portador do apelido ata que os descendentes fóronse de Moaña a finais do XIX. Tamén hai constancia do liñaxe dos Romai na parroquia de Tirán.

A igrexa de San Martiño e os pazos do Rosal e Paxarín eran os estamentos de poder moañeses mais importantes no antigo réxime, cando formaban parte da xurisdicción do Morrazo con capital na vila de Cangas, xunto con Tirán, Domaio e outras nove freguesías; nesa vila asentábase o axuntamento, sendo polo xeral un labrego o que ocupaba o cargo de mordomo ou alcalde pedáneo, como única persoa con cargo político de elección popular na de Moaña. As xuntanzas cos veciños facíannas no adro baixo e delas saía unha acta que era lida polo párroco no ofertorio da misa dominical, dentro do templo moañés.

Compre alegrarse que se vaian lembrando das sinais de identidade mais senlleiras, logo do ataque que sufriron a partir de 1964 pola causa dun desenvolvesmo acelerado moi poco respetuoso coa historia.