EN DIRECTO

As orixes da Dolorosa de San Martiño

Ata 1981 non se soubo que o seu autor fora Agustín Querol

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
Imaxe da Dolorosa de Moaña, de Agustín Querol, tamén escultor do monumento a Méndez Núñez sito en Vigo.  // Xosé Carlos Villaverde
Imaxe da Dolorosa de Moaña, de Agustín Querol, tamén escultor do monumento a Méndez Núñez sito en Vigo. // Xosé Carlos Villaverde 

Os inventarios que unha empresa de seguros fixo en 1.981 para tódalas igrexas do arcebispado compostelán permitiu documentar finalmente a autoría da famosa imaxe da Virxe Dolorosa que se atopa na igrexa matriz de Moaña, en San Martiño. A peza naceu do xenio creador do catalán Agustín Querol i Subirats, un dos tres mellores escultores españois do século XIX. O peso desta imaxe fixo que, trala súa restauración despois do incendio de 1936, só saíra en procesión as tardes do Xoves Santo durante poucos anos. Precisaba de varios homes é, trala división parroquial, a Semana Santa de Moaña quedara moribunda.

MANUEL UXÍO G.BARREIRO - VECIÑO DE MOAÑA Durante o ano 1964 tivo lugar un ataque sen precedentes á historia da antiga freguesía de Moaña por dividirse esta en dúas parroquias moi desiguais que tivo a consecuencia de deixar a matriz de San Martiño con poucos fregueses, escasos terreos para espallarse e monte dabondo, malia que os documentos que chegaban a sé compostelán facían ver que a partición fora moi equitativa e que aínda con pouca diferencia o regulamentario número de habitantes que se integraban na nova era algo inferior aos que quedaban na vella.
Este feito, xunto coa venda de tódalas propiedades que nos anos 50 do século XX administraba a parroquia de San Martiño para empregar o diñeiro recadado na nova, deu lugar a unha degradación paulatina dos seus monumentos arquitectónicos mais representativos e do arquivo parroquial de Moaña, onde estaba depositada a meirande parte da súa historia dende o século XV; todo iso agravado polo total desdén das autoridades eclesiásticas composteláns e municipais que se desentenderon das raíces moañesas, responsabilizando ó párroco que sucedeu ao que fixera a segregación, xunto cos poucos fregueses que lle quedaban, do mantemento da igrexa e da reitoral. Deste xeito, houbo que poñerse a recadar unha cantidade de cartos que non alcanzaron para deixar o artesoado e a cuberta de madeira e tellas da histórica igrexa, do mesmo estilo que estaban, tendo que recorrer a poñerlle unha teitume de formigón armado en 1974, dez anos despois da segregación. O feito de que a nave dun templo románico do século XII continúe cuberto con materiais tan modernos e inadecuados, debido a escaseza de medios económicos, representa un caso negativo único en toda España; no que ten que ver coa reitoral nin sequera se puido efectuar a cubrición, polo que as pingueiras que paseniño a paseniño ían caendo dentro dela, estiveron a deteriorar unha parte importante dos legaxos do arquivo parroquial, antes de que se derrubara un anaco da zona engadida no século XVII para alongar a primeira construcción do XVI.
Tendo en conta estes antecedentes, no intre de poder investigar a orixe das fermosas imaxes que se encontran na igrexa de San Martiño, non se encontraron inventarios delas nos documentos que se conservan no arquivo parroquial, depositado agora entre e diocesano de Santiago e a reitoral de Meira, podéndose coñecer a procedencia dalgunhas a través da hemeroteca de Faro de Vigo e duns pouquiños papeis espallados por outros arquivos.
Ao centrarme nas tallas da tradicional Semana Santa de Moaña, moi decaída dende que D. Donato Bernárdez, o crego encargado de dividir a freguesía, impuxera na parroquia segregada actos litúrxicos e procesións nas mesmas horas e días en que se desenvolvían outros iguais na matriz de San Martiño, estiven a descubrir que unha senlleira imaxe de vestir da Virxe das Dores procede da metade do século XVII e que o documento que o salienta reflicta que formaba parte dun desencravo que se facía con anterioridade a ser mercada; tamén que o Cristo coa urna, foron feitos en 1.926 polo mellor imaxineiro galego do século XX, José Rivas Rodríguez, de Santiago, autor no seguinte ano da imaxe da Virxe do Carme mariñeira. Con respecto a talla de madeira da Virxe Dolorosa, ata o de agora non había maneira de coñecer a súa orixe, malia que o anterior párroco Don Heraclio pregoaba que era posuidora dun meirande mérito artístico, restaurada durante a súa rexencia parroquial, logo de que o incendio que se provocara na igrexa no mes de xuño de 1.936 a deixara estragada.
Con estes curtos coñecementos, pouco se podía saber dela ata que, nunha conversa co catedrático D. Carlos Vázquez Marinelli, coautor do libro "Historia de Cangas", me falou da existencia de inventarios que unha empresa de seguros fixera en 1.981 para tódalas igrexas do arcebispado compostelán e proporcionoume unha copia do que se correspondía coa igrexa de Coiro. A devandita copia foi entregada ao actual párroco D. Manuel Barros, quen se encargou de solicitar a curia compostelán o que se confeccionara para a igrexa de San Martiño que el descoñecía. Logo de conseguir este importantísimo documento, ollase con sorpresa nel, que no que se corresponde co listaxe dos seus obxectos e obras de arte, nº de orde 10, aparece o seguinte: "Elemento: Imagen V. Dolores; Siglo: XIX; Material: Madera; Conservación: Buena; Autor Querol".
Queda documentada desta maneira a autoría da imaxe por un dos tres mellores escultores españois do século XIX, o catalán Agustín Querol i Subirats, nacido en 1860 quen, entre outras moitas obras escultóricas espalladas por toda España e na Arxentina, foi autor do monumento a Méndez Núñez erguido en Vigo en 1890, da estatua a Elduayen que se encontra no xardín da Avenidas, tamén de Vigo dende 1896 e da Virxe Dolorosa que preside o retablo da capela da Misericordia da cidade de Tui, feita en 1909, ano en que morreu.
Despois da súa restauración, a talla moañesa saíra en procesión algunhas tardes de Xoves Santo, malia que durante poucos anos, debido ao seu elevado peso que requiría a presencia de varios homes para sostela e como se reflectiu con anterioridade, a Semana Santa de Moaña quedou case moribunda dende a mal feita división parroquial.
Cumpre pois acercarse a histórica igrexa de San Martiño o Venres das Dores e nas datas da vindeira semana grande para ollar a fermosura desta excepcional imaxe e das demais que locen no seu interior, especialmente no Venres Santo, día en que de novo se representará un dos mais antigos desencravos de toda Galicia que antecede a procesión do Santo Enterro polos lugares mais tradicionais da Moaña fidalga e campesiña, representada na propia reitoral, agora restaurada polo cocello, no templo histórico de San Martiño e nalgunhas vivendas senlleiras de séculos anteriores ao XX que se encontran no percorrido procesional.

COMPARTIR
 
 
LOS HOMBRES MÁS RICOS, SEGÚN FORBES
+ VER GALERÍA
 
TAL DÍA COMO HOY SE PUBLICABA EN FARO...
+ VER GALERÍA
  Encuestas de actualidad
¿Qué solución ve más adecuada para mejorar la seguridad en el Corredor do Morrazo?
  Reducir la velocidad máxima
  El desdoblamiento del vial
  La colocación de una mediana
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
Reducir la velocidad máxima 12%
El desdoblamiento del vial 72%
La colocación de una mediana 16%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009