D.G.P. - O MORRAZO
"Ás veces os soños só se cumpren nos propios soños..." Con esta premisa estréase esta noite "Baile de soños", a primeira producción da compañía Circio e que poderá verse no Auditorio de Cangas a partir das 21.00 horas. A verba que da nome ao grupo significa "vento forte do norte", un significado co que se sinten moi identificados, especialmente o director e autor da obra, o moañés Manuel Cobas. O espectáculo é unha conxunción de baile tradicional galego, danza contemporánea e clásica, música e incluso do teatro. "Tal como se estivera todo mesturado por ese forte vento", suliña Cobas.
O compoñente tradicional ten unha forte pegada nesta obra. "O baile tradicional galego ten que estar aberto a outras formas de expresión. En realidade o noso baile é tan amplo que permite facer este tipo de montaxes e así ofrecerlle cousas novas ao público", explica o director de "Baile de soños". Ao longo da hora de duración do espectáculo haberá tempo para poñer en escena muiñeiras, jotas, valses, mazurcas,tangos... No aspecto musical, case todos os temas son de raíz tradicional e arranxados por Circio, aínda que tamén se inclúe algún tema de producción propia.
A representación está fortemente vencellada co mundo onírico –a protagonista é unha rapaza que se mergulla nun gran soño– e para recrear ese ambiente é esencial a decoración, a iluminación e toda a escenografía, que hai momentos que incluso lembra ás películas de Tim Burton.
A estrea da primeira producción de Circio chega despois de máis dun ano de traballo e esforzo. A compañía está formada por seis músicos –Laura Puga, Alba Malvido, Arancha Alfaia, Cristina Sánchez, Jara Ortiz e o director musical Serxio Cobos– e polos bailaríns Tania Ameneiro, Beatriz Díaz, Romina Bastón, Sara Estévez, Miguel Sotelo, Serxio Cobos e Manuel Cobas. "O baile dos soños" está concebida para ser representada en auditorios e teatros e a intención da compañía é movela ao longo de toda Galicia. Polo de pronto, a estrea de hoxe será no Auditorio de Cangas a partir das 21.00 horas. Ás entradas están á venda ao prezo de 8 euros en xeral e 4 euros presentando o carné xove ou de estudante.