G.M.P. - CANGAS
Baseada nunha idea do propio ilustrador, Luciano Lozano, o texto do conto está escrito por Pep Bruno e capta coa sinxeleza do cotiá a esencia da historia, que agora se musicaliza por un amplo e multidisciplinar equipo que suma arredor de 70 persoas de todas as idades e que ten detrás un arduo traballo que os espectadores poderán disfrutar de balde. Así o explicaron onte, na presentación que tivo lugar no Concello de Cangas, a directora do conservatorio profesional, María Xesús Torres; Luis Carballo, mestre do conservatorio; Sonia Rúa, pola Escola Municipal de Artes Escénicas; Marisa Núñez, editora do libro no selo OQO, e a concelleira de Cultura e Ensino, Mercedes Giráldez.
A experiencia conta coa iniciativa e o respaldo do programa "Prescolar na casa", e estase a converter nun clásico por estas datas, dado o éxito que acadou nas dúas edicións celebradas. O ano pasado foron "Os tres porquiños" os que acapararon o protagonismo. "É unha actividade que da gusto realizar, unha boa fórmula para vivir a música no terreo teórico e práctico, e que contribúe ao seu desenvolvemento intelectual", sinalou María Xesús Torres. "Colaboramos por segundo ano escenificando un conto, unha actividade moi satisfactoria, e os alumnos están encantados de participar", engadiu Sonia Rúa, mentres Marisa Núñez explicou que a elección de "Pétala" responde a varios factores, como o tema da necesidade de auga no planeta e de educar na protección medioambiental, as imaxes coloristas que proxecta e a súa capacidade de espertar a fantasía e a emoción. Trátase dunha actividade "multidisciplinar" que a OQO lle compensa dobremente, xa que "agora vemos medrar o que sementamos".
Luis Carballo presentouse no acto de onte cun "pau da choiva" que se empregará no espectáculo, e destacou a abundante participación desde distintos eidos (a literatura, a música, o teatro, mesmo a preparación do vestiario por parte dos pais e nais de alumnos) para levar adiante esta experiencia, da que dixo que gustará por igual a persoas de todas as idades. A concelleira Mercedes Giráldez destacou a participación do seu departamento e do de Xuventude, e animou a encher mañá as butacas do Auditorio para non perder un dos "clásicos" da temporada.