CÉSAR COLLARTE - BUEU
Debullar, peneirar, amasar, cocer e comer. Medio centenar de alumnos de Primaria do Colexio do Hío foron os primeiros en disfrutar da decimosegunda edición do Encontro Degustación do Millo Corvo, que terá o seu día grande o 28 de marzo. Os máis pequenos, coma cada ano, tiveron a oportunidade non só de disfrutar dun xenuino producto de slow food senón tamén de coñecer todo o proceso de elaboración ata que o pan está na mesa listo para degustar.
As xornadas didácticas "O ciclo do pan" deron por iniciada onte a programación desta nova edición da festa por antonomasia da aldea de Meiro. Os escolares do CEIP do Hío abandonaron por un día as aulas para asistir a unha clase eminentemente práctica na que gastronomía, medio ambiente e etnografía foron da man nunha inolvidable lección.
A xornada comezou no hórreo, onde os rapaces tiveron a oportunidade de debullar as espigas de millo corvo, sen lugar a dúbidas unha das tarefas preferidas por eles, establecendo pequenas competicións para ver quen acababa con máis carozos limpos. Alí puideron coñecer as partes do hórreo e a súa función. Trala debullada tocaba a muiñada. A comitiva aproveitou o extraordinario día para facer un roteiro de sendeirismo polos carreiros da aldea ata chegar ós muíños do Canudo. Alí esperaba a segunda parte da súa tarefa, a observación de cómo os grans de millo corvo se transformaban en fariña por medio da forza da auga que move a moa do muíño mentres os mestres daban as oportunas explicacións.
"É unha boa oportunidade para que coñezan a importancia do aproveitamento dos recursos naturais e que teñan conciencia diso", asegura Victoria Martínez, presidenta da Asociación Cultural de Meiro, que exerceu de anfitriona. Tamén o fixo a señora Pepa, xa que no seu forno rematouse o ciclo do pan co amasado e cocido da bola corva de porta aberta. Aínda que o verdadeiro remate da xornada foi cando se sacou o pan do forno e se repartiu entre todos os presentes, que quedaron cun inmellorable sabor de boca despois dunha apretada xornada práctica.