G.M.P./D.G.P./F.G.S. - O MORRAZO
Son moitas as mulleres que traballaron no campo, algunhas como complemento da economía doméstica e outras como profesión, cotizando na agraria, como é o caso das catro veciñas homenaxeadas. "Consideramos que é un oficio moi duro, infravalorado, con xornadas interminables que erosionan os corpos e ser recoñecemento social merecido", destacou a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Paula Tenorio, diante de máis de un centenar de persoas, entre elas as homenaxeadas, a alcaldesa, Clara Millán, e as concelleiras Mercedes Giráldez, Antonia Queimaño, María José Vilas e Begoña Pérez, así como otros integrantes da corporación. "Estas mulleres loitadoras e emprendedoras nos relatan unha vida chea de traballo en condicións adversas no que se refire á climatoloxía, á falla de infraestructuras e maquinaria, sobre todo nos primeiros momentos".
Desde o Concello agradecéronlle a todas elas a acollida e a posibilidade de narrar parte das súas vidas ás traballadoras do CIM, de Benestar Social e ás alumnas dos grupos de memoria que colaboraron nun traballo de equipo, que tivéronno difícil para resumir nunhas liñas. "É necesario coñecer as historias de vida das mulleres para que non se perdan co paso do tempo.
María Teresa Augusto naceu en 1930 no Forte, e con nove meses vanse vivir á Retirosa, en Coiro. Filla dunha costureira e dun obrero de Massó, comezou a traballar desde ben pequena. Con oito anos xa ía pola mañá a buscar esterco á ribeira cargada cunha cesta, e pola tarde ao monte coa vaca, a apañar estrume e leña. O traballo a penas lle deixou tempo para a escola, e ao casar aos 22 anos cun mariñeiro con moitas terras tivo que botar man de xornaleiras para atendelas todas. Mesmo carrexou as colleitas a Vigo para venderlle ás tratantas, polas noites aproveitaba para coser a roupa da casa e aínda lle quedaban forzas para a festa.Hoxe segue indo ao campo e colleita nun pequeno invernadoiro.
Josefa Portas naceu en 1918 nunha casa preto da capela de San Bartoloméu, en Vilariño, O Hío. Foi a filla pequena dunha parella casada en segundas nupcias, con catro irmás maternas e catro irmáns paternos. A penas foi á escola. Ensinoulle e ler unha señora do Hío, dona Digna a de Madriñán, ás horas. Comezou a traballar cando empezou a andar, a con tres ou catro anos xa lle poñían unha corda na man para andar coas vacas. Ía ao monte antes de saír o sol, en tempos nos que ter campo era ter pan, e na casa non lle faltaba traballo, pero tampoco que levarse á boca.Na súa longa vida, nunca deixou de traballar o campo.
Mª Carmen Menduíña, coñecida como Maruja de Bon por nacer alí en 1936, foi ben pequena a vivir a Aldán. Empezou a traballar de rapaza, coa becerra e coas ovellas ao monte e as cestas de abono na cabeza. Cultivou as fincas súas e as da familia, a base de legón e fouciño, co burro como "maquinaria" de transporte. Hoxe segue cultivando a horta e entretenlle a faena, pero o que máis lle gusta é recuperar enerxías nos balnearios.
Rosario Iglesias Molanes naceu ao lado da igrexa de Coiro enmaio de 1937, pasou a infancia en Reboredo e foise con oito anos a San Roque, en Darbo. Filla dunha traballadora do campo que sobrevivía collendo leña no monte, a situación cambiolle ao casar cun home de familia pudente, con moito capital e criados dentro e fora da casa. Herdeiros da finca que foi o antigo campo de fútbol do Morrazo, herdado a Cervera e donde tiña vacas suízas, viviron sempre da terra. Ela deixou pronto a escola para adicarse ás faenas agrícolas, ocupándose das vacas e de vender o leite. De carácter emprendedor, chegou a montar cinco invernadeiros co obxectivo de sacar ao marido do mar, e tivo posto fixo en Cangas, Bueu e Moaña. Agora a súa filla colleu o relevo, pero ela quere seguir ao pé do canón mentres lle queden folgos.
Modistas
Pola súa banda, en Moaña o acto oficial estivo adicado nesta ocasión ás modistas e costureiras. En especial a tres delas: Modesta Rodríguez, María Chapela e Modesta Pena. O acto comezou coa proxección dun documental no salón de plenos, onde os perto de 200 asistentes coñeceron como era a vida das homenaxeadas e a súa actividade laboral cotidiana.
Tralo video o alcalde e varias concelleiras, fixéronlle entrega ás homenaxeadas dun dedal de prata conmemorativo e da figura dunha mariscadora. Pilar Santomé recibiu os agasallos en nome de Modesta Rodríguez, que faleceu en febreiro de 2009. Tratouse do momento máis emotivo da noite, onde as bágoas se fixeron visibles na cara de moitos dos asistentes.