O areal de Moaña, pola súa situación e configuración, moi chá, co fondo de area e suxeita a unha ampla carreira de mareas, durante moitos anos, tiña como función a de ser "zona de emerxencias" do porto de Vigo. Esta circunstancia supuxo que ao longo da historia, o nome de Moaña e o areal da Xunqueira quedara vinculado a diferentes traxedias e accidentes xurdidos no porto de Vigo ou na fronte marítima das nosas rías. Nomes de buques como o "Telena", "Castillo de Andrade" e "Faro de Cullera", quedaron gravados no maxín dos habitantes desta banda da ría, que aínda lembran e contan as lendas e noticias daqueles sucesos.

Buque Telena

O petroleiro británico "Telena" pertencía á Anglo-Saxon Petroleun Co.Ltd. de Londres, fora botado o 25 de febreiro en 1927 nos estaleiros New Waterway Shipbuilding Co. de Schiedam (Róterdam).

Na noite do 29 de maio de 1.940, ás 05:45 horas, o "Telena" navegaba dende Trípoli a Pauillac (Francia), a medio camiño entre as illas de Ons e Sálvora, cruzándose con outro mercante francés, o "Marie Jose" que cun cargamento de cereais navegaba rumbo a Casablanca dende Bordeos.

Nese lugar os dous buques foron interceptados polo submarino alemán "U-37", o cal intentou deter o mercante francés disparándolle pola proa un canonazo. O buque virou a estribor e comezou a enviar mensaxes radiofónicas de auxilio. O submarino do III Reich abriu entón fogo sobre o barco, que foi alcanzado polos seus torpedos e a tripulación tivo que abandonalo. O "Marie Jose" incendiado recibiu o tiro de graza ás 06:57 horas do mesmo día con fogo de artillaría e afundiu en 15 minutos na cuadrícula CG 2237, aproximadamente na posición 42º25´N 09º08´W.

O petroleiro "Telena" non escapou aos ataques do submarino alemán, que non empregou con el ningún torpedo. O armamento empregado contra del foi a artillaría, sufriu moitos danos e resultou incendiado, polo que tamén foi abandonado pola tripulación nun estado moi deteriorado e a piques de afundir.

Según informacións dos mariñeiros que traballaban na zona, perto do submarino "U-37" había outro submarino nazi que non intervíu.

Foron os pequenos pesqueiros das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa os que procederon a facer o rescate, unha vez que o submarinos U-boots abandonaron o lugar. Os pesqueiros "Morrazo 3" e "Segundo tres de mayo" recolleron dez e quince homes respectivamente, dezasete estaban feridos, sete ilesos e un morreu ao chegar a porto. O "Río Loira" desembarcou un morto, un ferido e dous ilesos. O "San Pelayo" recolleu un morto e dous ilesos. O "Carlos I" rescatou dous superviventes e un cadáver. O "Carmen Garrido" desembarcou dezaseis superviventes, todos ilesos, a motora "O Meco" desembarcou quince náufragos. O balance oficial desta acción de guerra naval, feito público días despois, foi de dez mortos, vinte e dous feridos, corenta ilesos e quince desaparecidos. Entre os mortos atopábase o capitán do "Telena", Harold Fitch Gosling.

O "Telena" ardía de proa a popa e escoraba a estribor, banda por onde penetraran os proxectís alemáns que lle deixaran uns boquetes polos que vertía o petróleo que traía nas súas adegas. Ao "Telena" acércase o pesqueiro de madeira "Buena Esperanza" e mantense nas súas proximidades mentres agarda que o lume se apague para levalo a Vigo.

Pouco despois aparece o gardacostas español "UAD Martín", que aparea ao "Telena" e a súa tripulación inicia a extinción do incendio localizado só nas superestruturas. Conseguen dominar o lume e xunto cos buques "Buena Esperanza" e o "Moncho D", un remolcador de Vigo que fora alertado, danlle remolque até o interior das illas Cíes, onde fondean e extinguen totalmente o incendio. Ao día seguinte chegan co "Telena" a enseada de Moaña onde fondean preto da punta do Arroás.

Sobre as 2:00h. do día 1 de xuño, cando se achicaban os tanques inundados, prodúcese un incendio na parte exterior, pois estaba rodeado do petróleo que vertía das súas adegas, ao parecer pola caída dun quinqué de carburo dun dos tripulantes do buque "Buena Esperanza", que estaba abarloado ao "Telena", xunto co alxibe "Roberto". Os tripulantes destes dous buques saltan a auga, pois o incendio pasara ao "Buena Esperanza" que queda destruído polo lume. Como resultado deste accidente falece o patrón do "Roberto" e tres tripulantes do "Buena Esperanza". De volta ten que intervir o gardacostas "UAD Martín", que consegue apagar o incendio tras varias horas de loita.

No informe do comandante da Mariña de Vigo, este explica:

..... .......

" A las 20 horas del días 29 de mayo de 1940, se dió fondo al buque siniestrado en la Playa de San Martín, dentro de la Ría de Vigo, para localizar y sofocar el incendio. Dispuse se estableciese a bordo del petrolero una guardia militar a cargo del cañonero de la armada Uad Martín y se procurase llevar el buque a la playa de Moaña, por considerarlo menos peligroso para la navegación y para el propio buque, quedando fondeado en Moaña a las 18:00h. del día 30 de mayo".

O "Telena" foi mercado pola compañía CEPSA e remolcado dende Vigo até os Estaleiros da Naval, en Sestao, onde, unha vez reconstruído, rebautizouse co nome de "Gerona", que entraría novamente en actividade en outubro de 1942 como primeiro buque desta compañía.

A negra historia do submarino U-boot U-37

O submarino do III Reich "U-37", causante do sinistro do Telena, foi considerado un dos máis "exitosos" da flota dos denominados U-boots da mariña de guerra nazi. Fora construído nos estaleiros Deutsche Schiff und Maschinenbau AG, en Bremen, sendo botado o 14 de maio de 1938. Até a súa captura no norte de África no ano 1944, tiña no seu haber o afundimento de 53 buques mercantes durante as súas 11 patrullas. Foi precisamente a súa 5ª Patrulla a máis mortífera, coincidindo as súas actuacións fronte as nosas, rías pois consta na súa folla de servizos o acto de guerra naval do día 29 de maio de 1940 entre as illas de Ons e Sálvora nos que atacou ao "Telena".

Na súa folla de servizos da 5ª patrulla consta:

"Saída: 15 de maio de 1940 Base Wilhelmshaven

Destino: Operacións de vixilancia no Noroeste de España e Portugal.

Incidencias:

19 Maio 1940 afundimento buque sueco de 5,066 ton. "Erik Frisell."

22 Maio 1940 afundimento buque británico de 9,494 ton. "Dunster Grange".

24 Maio 1940 afundimento buque grego de 3,994 ton. "Kyma".

27 Maio 1940 afundimento do buque arxentino de 3,425 ton. "Uruguay."

27 Maio 1940 afundimento do buque británico de 5,008 ton. "Sheaf Mead".

28 Maio 1940 afundimento do buque francés de 10,387 ton. "Brazza".

28 Maio 1940 afundimento do buque francés de 177 ton. "Julien".

29 Maio 1940 afundimento do buque francés de 2,477 ton. "Marie José".

29 Maio 1940 avariado do buque británico de 7,406 ton. "Telena".

01 Xuño 1940 afundimento do buque grego de 950 ton. "Ioanna".

03 Xuño 1940 afundimento do buque finlandés de 2,317 ton. "Snabb".

Comandante: Capitán de Corbeta Viktor Otto Oehrn."

"Castillo de Andrade"

Ás 08:40 horas do domingo 9 de xaneiro de 1945 un forte estoupido espertou a veciñanza de Moaña. A explosión fixo retumbar todas as casas e todos os veciños e veciñas miraban para o barco que levaba a arder dende o día anterior no medio da enseada, fronte a praia da Xunqueira.

O vapor "Vigo" fora entregado á Xerencia de Buques Mercantes para Servizos Oficiais o 1 de xullo de 1938, que o arrendou o 19 de agosto do mesmo ano á Compañía Transmediterránea que o rebautizou como "Castillo de Andrade".

A finais de 1943 o "Castillo de Andrade" iniciou unha nova viaxe de Bilbao a Santa Cruz de Tenerife con escalas en varios portos. A primeiras horas do 7 de xaneiro de 1944 chegou ao porto de Vigo procedente de Vilagarcía de Arousa. Ás 00:05 horas do sábado 8 de xaneiro, cando xa ían largar amarras, detectouse lume na adega nº 1, que contiña madeira, labra, tabaco e carga xeral. Inmediatamente a tripulación tomou as medidas oportunas para tratar de atallar o lume, pero déronse conta que cos medios de a bordo resultaba imposible. Por esa razón, o capitán solicitou o auxilio das autoridades locais. Ao pouco tempo apareceu no peirao un retén do corpo de bombeiros de Vigo, que comeza seguidamente os traballos de extinción. Por un momento parecía que o incendio estaba controlado, pero ás 2:00 h. da madrugada recrudeceuse, o que motivou que o comandante de Mariña, capitán de navío D. Luis Piñeiro y Bonet, ante as proporcións que collía, ordenara que o buque fose desatracado.

A loita contra o lume continuaba dende o propio buque e dende os alxibes "Roberto" e "Hidra", que permanecían abarloados a ambos os costados do "Castillo de Andrade".

Ás 11:00 h. do 8 de xaneiro, vendo que o lume alcanzaba grandes proporcións, o comandante de Mariña deu as ordes oportunas para levalo á zona de emerxencias na enseada de Moaña. O incendio seguía imparable a pesar dos esforzos da tripulación e dos continuos chorros de auga que se lanzaban dende os alxibes. Todo o día e toda a noite seguinte continuou o incendio, polo que se solicitou axuda á Mariña de Guerra que enviou dous equipos de salvamento procedentes do cruceiro "Navarra".

Na adega núm. 2 estaba estibado un cargamento de bidóns de carburo cálcico. Este produto químico, cando reacciona coa auga, produce acetileno. A acumulación deste gas na adega núm. 2, que mantiña o zapón pechado, provocou a explosión que levantou a veciñanza de Moaña ás 08:40 horas do domingo 9 de xaneiro.

Toda a cuberta de abrigo voou violentamente polos aires dende a cheminea até a proa, ponte de mando e parte da superestrutura, causando varias vítimas mortais e numerosos feridos. Varias das persoas que se atopaban na cuberta do buque saíron voando polo aire e caeron ao mar, sendo recollidos por persoal dos alxibes, así como por unha lancha de Moaña que pasaba nese momento polo lugar. Até o peirao desprazáronse varias ambulancias e un equipo da Cruz Vermella.

Da tripulación do "Castillo de Andrade" desapareceran o capitán Dámaso Cafranga, o agregado Bernardo Clavijo, o mordomo Antonio Escandell e o mariñeiro Manuel Rodríguez Domínguez. Da dotación do cruceiro "Navarra" desapareceu o cabo Marcelino González Ferradás, que mandaba o retén. Ao día seguinte faleceron José María Rey Ferry e Fernando Otero Valverde, que resultaran feridos graves. Tamén resultaron feridos graves Francisco Torre Cruceiro e José Larea Testara, panadeiro e oficial respectivamente do "Castillo de Andrade", os mariñeiros do cruceiro "Navarra", José Pastoriza Piñeiro e Federico López Piñeiro, así como o patrón do alxibe "Roberto", Alejandro Figueroa.

De tal magnitude foran os danos producidos pola explosión que, ás 13:00 h. do mesmo día, o buque foise somerxendo de proa pouco a pouco e cando non puido aguantar máis afundiu na enseada de Moaña. Na preamar da tarde, só sobresaían na superficie a cheminea e os mastros.

Durante varios meses realizáronse traballos de estancamento e, una vez concluídos, fixouse o día 27 de abril de 1945 para o seu reflotamento. Ese día a baixamar era ás 11:00 h., así que puideron aproveitar moi ben as dúas horas e media de devalo para achicar auga coas bombas. Despois de iniciarse a subida da marea, ás 12:30 h., notouse o primeiro movemento de despegue do fondo. Despois de varias horas de traballo, O "Castillo de Andrade" volvía flotar nas augas da ría.

Por mor dun forte temporal, houbo que esperar até o día 2 de maio para levar o buque até o peirao de Vigo, onde quedou atracado no Areal. O 9 de maio empezou a descarga das adegas núms. 1 e 2 cos guindastres do porto, mentres se reparaban as maquiniñas das adegas núms. 3 e 4.

A pesar dos i

mportantes danos sufridos, a dirección da Empresa Nacional Elcano decidiu a súa reconstrución. O día 23 de xuño de 1945 terminaron as reparacións provisionais que se efectuaron en Vigo e foi remolcado polo buque da mesma compañía, o Castillo de Figueiras", até Bilbao, a onde chegou o 24 de xullo.

Co nome de "Antártico", en 1948, foi botado dos estaleiros da Naval de Sestao, incorporándose á flota mercante española. Despois da gran reparación que sufriu , resultaba imposible recoñecer o antigo "Castillo de Andrade".

"Faro de Cullera"

A terceira semana do mes de novembro de 1959 as costas galegas soportaron un fortísimo temporal. O xornal El Correo Gallego titulaba na súa portada: "Un pavoroso temporal azota la costa de Galicia" e daba conta dos desastres que se viviran nas rías nesa semana; afundimento de 40 bateas, danos nos peiraos e o luctuoso afundimento do pesqueiro "Santiago Cerviño", con base no porto de Marin, resultando mortos os 12 mariñeiros da súa tripulación.

Na portada do FARO DE VIGO do día 20 de Novembro do 1.959, informase que no día anterior, sobre ás 14:00h., o motoveleiro "Faro de Cullera" marchara a deriva, embarrancando nas proximidades da Punta Rodeira.

O "Faro de Cullera", era un motoveleiro de casco de madeira e tres mástiles matriculado en Sevilla, co folio 46 da 2ª lista e de 490 tn. de desprazamento, pertenecente á compañía navieira ASPE. Adicabase ao transporte de cabotaxe e tiña ao porto de Vigo como habitual na súa ruta. Levaba varias semanas fondeado na dársena de Bouzas agardando a ser reparado. Sobre ás 14:00h. do 19 de novembro de 1.959 levou áncoras, producíndose unha avaría no motor, sendo empurrado polo forte vento e quedando á deriva no medio da ría. Saírón ao seu auxilio o gardapescas "Serviola" e un remolcador do porto, tentando uns remolques, os cales fallaron. O forte temporal arrastrou o barco contra os petóns da Illa dos Ratos, provocandolle varias vías de agua e o seu embarrancamento. No momento do accidente atopábanse abordo dous tripulantes máis un mariñeiro do "Serviola", que saltaron a terra ilesos , sendo recollidos por pesqueiros do Morrazo.

O corresponsal do FARO DE VIGO en Cangas, Eugenio Eiroa, informaba que o "Faro de Cullera" presentaba unha posición "normal" , ao abrigo da Illa dos Ratos e consideraba como moi difícil o seu salvamento.

Meses despois de embarrancar, aproveitando as mareas vivas, o motoveleiro foi sacado dos petóns e remolcado até A Xunqueira á espera de que que coa baixamar, se poidera valorar as posibilidade de reparación, cousa que deberon ver como imposible, pois o "Faro de Cullera" quedou para sempre na ensenada de Moaña, donde lle foi desmontado o motor e o eixo de cola, encargándose o mar e os veciños de Moaña de desmontar o casco e demais restos do barco, quedando a quilla e o seu costelar.

Hoxe, nos días de mareas vivas, na baixamar, aínda podemos ver os restos do "Faro de Cullera" cubertos de carrumeiro no medio do areal de Moaña.