D.G.P. - BUEU
Quen te viu e quen te ve hoxe. Iso é o que se podería pensar mirando a imaxe superior, na que se pode observar o espazo que ocupaban as instalacións da vella fábrica de Massó. Entre ese Bueu e o actual hai unha diferencia duns setenta anos. Toda unha vida. Pero non foi unha vida, senón moitas máis as que xiraron ó redor da conserveira e da súa sirena durante varias xeracións.
Nesa fotografía antiga pódese aprezar ben ergueita a antiga cheminea da fábrica e o nome dos Massó. Hoxe en día é o único vestixio que se conserva dese patrimonio industrial que durante décadas foi o verdadeiro motor económico e social da vila. E entre aquelas cubertas tamén destaca ese espazo aberto, situado case no centro da imaxe: o xardín botánico da familia Massó. De igual xeito sorprende ver a un Bueu case sen edificios no seu casco urbano, cunha enorme praia que se extende ó longo da meirande parte da Avenida Montero Ríos e o espigón do vello peirao dos Massó.
A céntrica mazá agora está ocupada por unha urbanización de nova construcción, pero respectando aquela zona verde e que agora forma parte dunha gran praza pública para o desfrute e esparcemento de todos os veciños da vila. A promotora da obra, O Cuarteirón Massó, e o Concello de Bueu están a preparar un acto oficial de inauguración e que se celebrará nas vindeiras datas.
Tamén se pediu a colaboración doutra institución que representa un dos grandes legados que deixou esta importante familia na vila: o Museo Massó. A súa dirección escolleu a foto antiga que se reproduce na parte superior para ilustrar un gran panel que se ubicará no lugar no que hoxe está a cheminea –e que non é o mesmo que o que ocupa nesa foto, posto que foi desprazada durante as obras– e que incluirá un texto explicativo sobre a fábrica de Massó e sobre a súa trascendencia na vila. O obxectivo é que as xeracións actuais, as futuras e os visitantes que se acheguen a Bueu sexan conscientes da historia que hai detrás deste lugar.