G.M.P. - CANGAS
O concelleiro Mariano Abalo, ao contrario que os seus compañeiros Maruchi Álvarez e Xosé Manuel Pazos, segue despachando a diario en Urbanismo, “porque hai persoas que confían en ACE e non noutros grupos”, e cre que aínda pode haber solución para manter a unidade da esquerda desde o goberno cangués.
–Veñen de renunciar aos seus cargos e di que aínda se poden salvar os acordos ¿Non é contraditorio?
–Este era un goberno a tres e non hai documento algún que desdiga esa situación. Todo indica que non se van dar pasos nesa dirección, pero mentres hai vida hai esperanza. Iso xa depende de outros, e no próximo pleno quedará definido. Só hai dúas opcións: ou recompoñer os acordos de goberno e que siga a esquerda, ou poñer novos responsables e novo programa, culminando a deriva cara a un goberno de dereitas, como xa aconteceu na Xunta.
–Ou sexa, que se considera membro do goberno mentres non sexan destituídos...
–Hai un acordo vixente, ratificado polo pleno, e aínda non se revocou. Mentres o pleno non o revoque, o máis congruente é pensar que seguimos aí. A alcaldesa ten marxe de actuación para decidir.
–Vostedes intentaron abrir brecha acudindo ás direccións dos partidos e semella que non están dando froito.
–Aquí houbo un pacto de esquerdas para facer política de esquerdas, e non se cumpre. É unha cuestión de calado político que as direccións políticas deberían resolver. Sabemos que no BNG e no PSOE hai xente en desacordo coa liña política que se está impoñendo e co que está pasando, e pensamos que deberían facerse valer. Cada un terá que responder dos seus feitos.
–¿Serán contundentes co goberno desde a oposición ou vanse respetar as coincidencias que levaron ao pacto?
–Por moi decepcionante que sexa este momento político, o máis grave que viviu a política municipal de Cangas, non imos ser prexuiciosos, e se se impón a cordura vaise poder contar con ACE. Pero se sigue á deriva á dereita, teremos que actuar para poñerlle freo.
–¿Cales son os seus augurios para as próximas eleccións municipais? ¿Como cre que responderán os
cidadáns?
–Non son moi bo facendo prediccións, pero o que si me parece é que a esquerda en Cangas está en peor
situación do que estaba, e iso é preocupante. ACE vai seguir sendo decisiva para artellar unha proposta de esquerda e impedir que se tire todo polo precipicio.