F.G.S. -O MORRAZO
A plataforma ProLingua, a prol da defensa e promoción da lingua galega, presentará este venres unha obra colectiva, realizada por unha dúcia de autores coordinados por Xosé-Henrique Costas, director do departamento de Normalización da Universidade de Vigo. Trátase dun libro que nace coa intención clara de rebatir os prexuízos máis extendidos sobre o idioma galego, baixo o título "55 mentiras sobre a lingua galega". O máis chamativo é que decidiron presentalo ao mesmo tempo en case 70 vilas e cidades da comunidade e nos máis dispares puntos do planeta. Urbes como Barcelona ou Nova Iorque, pasando por cidades máis exóticas como Nablús (Palestina), estarán unidas pola lingua de Rosalía mañá, a partires das 20.30 horas.
Nesta presentación non poderían faltar os concellos de O Morrazo. En Bueu o acto terá lugar no Museo Massó, e correrá a cargo da gañadora do premio Johán Carballeira, Lucía Novas, acompañado de membros do colectivo de Mozos e Mozas de Beluso. En Cangas se celebrará na sala de exposicións do Auditorio Municipal, e correrá a cargo de filólogos como e lingüístas como Héitor Mera, Rita Paredes, Ana Ameal e Xosé Manuel González "Oli".
En Moaña, pola súa banda, o acto terá lugar no centro cultural Daniel Castelao. Participarán a mestra Asunción Soñora, o poeta Daniel Costas, o libreiro Benxamín Riobó e o escritor Xabier Cordal, un dos autores desta obra coral.
Neste libro colaboran diversos escritores e sociolingüístas como Agustín Fernández Paz, Ana Mª Outón ou Alejandro Tobar que deron forma a unha creación que se pretende converter nun "argumentario científico para rebater os prexuízos gravados a ferro na sociedade, ademáis emprega unha linguaxe seria e sinxela", explica Héitor Mera. Neste senso, Daniel Costas destaca o feito de tratar de fuxir "do típico panfleto, e elaborar un argumentario científico en contra das agresións que se escoitan últimamente en contra da nosa lingua".
Wisconsin, Copenhague, Cork, Lisboa, Londres, Bos Aires ou Bruxelas, son algúns dos lugares que falarán galego mañá durante uns minutos, xunto con vilas de fóra da comunidade onde este idioma é de uso común, como Ponferrada, Vilafranca do Bierzo, Lubián (Castela e León) ou San Martiño de Trebello, (Estremadura).