G.M.P. - CANGAS
“Seguimos adiante, dispostos a correxir erros e, sobre todo, mellorar a comunicación con todos os participantes”, asegura o edil. A reunión cos grupos foi o sábado. Aos nove que asistiron entregoulle os cheques por participar, con “un par de meses de retraso” respecto á finalización do programa. “Os outros nove poden pasar a recollelos pola Casa da Xuventude”, asegura, e engade que os dous grupos restantes non cobrarán porque se deron de baixa ao pouco de iniciarse o programa. Ademais da incertidume provocada polo retraso nos cobros, que o edil xustifica na mala situación financeira do Concello, o motivo da reunión era falar da continuidade e das suxestións para mellorar as cousas na próxima edición. “Os grupos aludiron á falta de comunicación, que provocou algúns malentendidos”, que xa están superados, sinala Óscar Graña, que pensa xestionar o programa “directamente, sen intermediarios”, respondendo a calquera dúbida a través do correo electrónico.
Cambios necesarios
Tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de modificar os horarios, os locais e o concerto final. Barállase retrasar os concertos dos venres e facelos todos no mesmo escenario, ainda que son cuestións que decidirá unha comisión formada por un representante de cada grupo e o concelleiro, para facela máis operativa. Con respecto á edición do disco, que este ano non se realizou, queren aproveitar o material xa gravado para sacalo á rúa antes do verán, aínda que dependerá de que se chegue a un acordo coa empresa de son que ten “retido” o material ata que se lle abone a débeda pendente a través dun plan de pagos que deben acordar as partes. Do contrario, “teremos que empezar de novo as gravacións”, sinala Graña, que tamén insiste en que se manterá o reparto de 6.000 euros entre os grupos que participen na nova edición.
Local ensaio
Outro dos anuncios realizados polo concelleiro aos grupos foi a próxima apertura do local de ensaios de Cimadevila, pero sen ter disponibles as cabinas de ensaio e gravación, por falta de cartos. Aínda así, Graña di que urxe poñelo a funcionar, dada a saturación que xa ten a Casa da Xuventude e as peticións de colectivos veciñais e culturais para poder realizar as súas actividades.