G.M.P. - CANGAS
"Dende a época do historiador romano Plinio até hai ben poucos anos, aprendiamos dos nosos maiores o que despois tiñamos que transmitir aos nosos descendentes. As cousas eran comentadas entre os veciños, de pais a fillos, de avós a netos. As persoas tiñamos que prestar atención e aprender de todo aquilo que se falaba. Ao longo da Historia foron aparecendo institucións relixiosas e civís que se responsabilizaron da educación..." Así comeza o limiar de Fernando Cuñarro sobre as escolas de Cangas, editado pola Asociación Cultural A Cepa e que xermolará en primavera.
As escolas anteriores a 1940, como a de Ángel Mato Peña; o tempo de República; a Náutico Pesqueira, con Felipe Carnicer, a academia de don Bernardino... Logo a etapa do franquismo, as escolas unitarias de nenos e de nenas, a Escola do Padroado de Massó, as escolas privadas... Xa nos anos 70, a lei Villar Palasí e a conformación dos "grupos escolares, cando xurdiron a Compañía de María; as monxas de Aldán; a Casa da Virxe, en Rodeira; o grupo de Espiñeira, en Aldán, os colexios de O Hío; San Roque, en Darbo; Nazaré e Castrillón, en Coiro, xa cos traslados en autobuses... E os preescolares de Cimadevila, Seixo, A Retirosa e O Hío... A inauguración no primeiro instituto, o de Rodeira, no curso 1970/71, que librará aos alumnos de coller a lancha para ir ás aulas do Santa Irene, nas Travesas; e logo o María Soliño e o Montecarrasco, os colexios A Rúa e Pondal, sen esquecer a Escola de Adultos, donde xurde A Cepa, ou as academias privadas de Nores, Agulla, Macillos...
O libro que xa está casi listo para pasar á imprenta fai un amplo percorrido pola historia das escolas canguesas, e de seguro suporá outro éxito de vendas, por canto recopila un tesouro desde os tempos do sepia até a cor, pasando por todas es escalas de grises. De seguro que nalgúns baúles ou entre as follas dalgún libro vello aínda se gardan algunhas xoias fotográficas do último século que poden contribuír a engrandecer aínda máis o resultado final. Por iso A Cepa aínda recolle estes días ese material, e os luns , a partires das 11 da mañá, reciben nos seus talleres esas aportacións para botar unha ollada atrás que sirva de impulso cara adiante.
"Veñen novos e difíciles tempos para a educación e o labor educativo. Novos retos aos que a escola e o profesorado saberán adaptarse e estar á altura das circunstancias actuais", aposta o mestre Fernando Cuñarro.