G.M.P. - CANGAS
O teatro de Yllana, os monólogos de Luis Piedrahita, a música experimental de Projecto Trepia ou a danza de Circio forman parte da programación do Auditorio de Cangas para o primeiro semestre deste ano, que se completará con tres obras patrocinadas por Caixanova, aínda sen definir. A lista provisional foi presentada onte polo concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Pazos, e o director do Auditorio, Juanjo Pérez, que fixeron fincapé na cantidade, calidade e continuidade dos espectáculos que se presentan, nunha programación que só se verá interrumpida na Semana Santa, para non interferir coas procesións e actividades relixiosas que se celebran.
Cronoloxicamente, Teatro do Morcego é a primeira en saír ao escenario, o próximo sábado e domingo, coa obra musical infantil "Saltimbanquis". A peza ten como protagonista a un burro que, cansado da explotación e os malos tratos que recibe, abandona a facenda donde traballaba, na procura de mellores condicións de vida. O sábado 6 de febreiro seguirá o teatro en familia con "Rúa Aire", da compañía O retrete de Dorian Grey", o espectáculo en galego con maior éxito de público e repercusión máis alá do Padornelo.
O 19 de febreiro é o turno de Yllana, que regresa a Cangas co espectáculo "666", que xa representou no instituto de Rodeira hai máis de unha década, cando aínda non se inaugurara o Auditorio. É a primeira vez que se repite unha obra, da que Pazos destaca a súa calidade e a especial conexión que a prestixiosa compañía ten con público morracense. A representación de "Tío Vania", de Teatro del Norte, está programada para o sábado 27 de febreiro, e abrirá unha pausa teatral para dar paso á música do Colectivo Xosé Afonso, integrado por músicos galegos e portugueses que farán unha homenaxe ao autor luso que lles dá nome.
O mes de marzo continuará con "Baile de soños", a cargo de Circio (día 19); os "Monólogos" de Luis Piedrahita (20), e a música de Marful, con Ugía Pedreira (día 27). En abril sube ás táboas Talía Teatro con "Palabras encadeadas" (día 10); terá lugar o "Certame zonal de bandas de música populares da Deputación" (11) e representarase "Exitus", por Titzina Teatro (17), ademais de celebrarse un concerto do Proxecto Orquestral, promovido polo Conservatorio e Escola de Música de Cangas (día 30).
As fins de semana de maio repártense entre a música experimental de Projecto Trépia (día 14); "Shakespeare para ignorantes", de Mofa e Befa (15); "Master Class", con Mabel Rivera (día 22, patrocinado polo Xacobeo); a Festa das Letras Galegas (23), e un concerto de Fía na Roca e Rosa Cedrón (o día 28, tamén patrocinado polo Xacobeo). O teatro volverá o 29 de maio con "O segredo dos Hoffman", por Lagarta Lagarta, e pechará o ciclo a primeira fin de semana de xuño cos residentes Teatro de Ningures e a obra "Atra bile".