G.M.P. / CANGAS
Cacarexo recoñece así o labor realizado polo seu distinguido veciño a prol da cultura e do movemento social, do que participa Camilo Camaño desde hai décadas. Antes recibiron o mesmo galardón o colexio Castrillón, o escritor Xosé Vázquez Pintor (que adicou a Camaño Xestido o poema "En alma pinta") e o entrenador de atletismo José Calvar. No acto de onte estiveron presentes o concelleiro de Cultura de Cangas, Xosé Manuel Pazos, ademais de outros membros da corporación, e un importante número de convidados do mundo da arte, das letras e do movemento veciñal, do que o propio homenaxeado participa e que deron fe dos merecementos do galardoado.
Os promotores do premio glosaron algúns dos méritos acadados. Nacido en Coiro o 3 de xaneiro de 1951 e de formación autodidacta, destacaron a súa dimensión artístico-creativa, entre a que figura a consolidación da casa-museo de A Mangallona (que ven de celebrar o seu vixésimo aniversario), ademais do activismo sociocultural. É membro de media ducia de colectivos artísticos con base en Galicia, Portugal, Arxentina ou Canadá. Tamén destacaron a dimensión da súa obra máis alá das fronteiras estatales, con presencia de pezas en Cuba, Brasil, Suiza, Francia ou Estados Unidos. A ilustración de libros ou a consecución de varios premios de deseño son outros logros da súa carreira, na que non faltan responsabilidades e colaboracións no eido sociocultural, como a dirección da Casa da Cultura de Cangas ou a pertenza a distintas asociacións vencelladas ao movemento veciñal, da memoria histórica, da promoción musical, festiva, gastronómica e mesmo deportiva.
Nos prolegómenos da entrega do premio proxectouse un vídeo sobre a figura do homenaxeado, que recibiu as felicitacións dos convidados. El agradeceu que sexan os propios paisanos os que lle recoñezan o seu traballo, que segue e ter como epicentro creativo a súa casa-museo de A Mangallona.