REDACCIÓN / O MORRAZO
Xa que as baixas temperaturas destes días non son suficientes para que a neve chegue á comarca, a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo) decidiu tomar cartas no asunto. Hoxe comeza o seu espectáculo de animación de rúa, chamado "A luz do Nadal" e que entre outras sorpresas inclúe unha nevada artificial. Todo para a ilusión dos máis pequenos e para que éste de 2009 sexa un nadal branco de verdade.
A primeira vila na que recalará é Cangas, onde esta tarde Papá Noel recibirá ós máis pequenos no seu gran trono para recoller e escoitar os seus desexos para estas festas. Con el viaxan tamén os seus elfos, que se encargarán de montar un vistoso espectáculo de música, baile e luz e no que tamén participará un enorme boneco de neve. Segundo Fecimo, ésta é unha actividade aberta a todos os nenos e ós que xa non o son tanto. Será a partir das 17.00 horas no entorno da Alameda Vella de Cangas. Mañá martes será o turno de Bueu e o espectáculo ha de ter lugar na Praza do Concello. E finalmente, o mércores chegará á Alameda da Seara de Moaña.
Por outra banda, Fecimo xa ten en marcha a súa tradicional campaña de Nadal nos comercios. Os case 350 establecementos que se adheriron á iniciativa xa están repartindo os boletos, que deben ser cubertos e depositados nas furnas repartidas polos comercios participantes. Vaise sortear un gran premio de 10.000 euros e outros seis de 500, que se entergarán en cheques regalo a canxear nos establecementos colaboradores.