REDACCIÓN / BUEU
Os veciños do Concello de Bueu puideron desfrutar onte dun dobre concerto de corais, unha tradición moi implantada no municipio. Foron sendos festivais organizados pola Coral Polifónica Marusía e pola Coral Polifónica de Beluso.
O de Marusía tivo lugar no Centro Social do Mar e comezou con certo retraso pola demora dun dos autobuses. Participaron como invitadas a Coral Valdomar de Boiro, a Coral La Salle de Santiago e Coral Polifónica Ecos do Avia de Ribadavia. A agrupación anfitriona, que renova o seu repertorio todos os anos, onte estreou dúas novas panxoliñas. O concerto finalizou coas catro corais sobre o escenario para interpretar todas xuntas o coñecido "Adeste Fideles".
A outra cita tivo lugar na igrexa parroquial de Santa María de Beluso. Alí, a coral polifónica da parroquia organizou a que xa é a quinta edición do Festival En Canto, que comezou ás 19.30 horas. Xunto a ela estiveron o Coro Cantar Delas (Lugo), a Coral Polifónica de Sobrado do Bispo (Ourense) e a Coral Polifónica do Centro Cultural de Valladares de Vigo. A Coral Polifónica de Beluso é a máis lonxeva do municipio, pois leva funcionando dende o ano 1987, e dende o mes de abril está dirixida por José Ramón Portela. Na organización deste festival contou coa colaboración da Concellería de Cultura de Bueu, do CEIP Montemogos, do párroco José Antonio Santos e do mexilloneiro Alfonso Ferreira.