F.GUTIÉRREZ/D.GARCÍA - O MORRAZO
A Consellería de Educación vén de premiar ó traballo dos colexios de A Pedra e de Quintela por estar entre "os mellores proxectos de innovación e normalización lingüística". O concurso foi convocado co inicio do curso e nas súas bases establecíanse tres requisitos: primar o fomento da lingua oral, o emprego das novas tecnoloxías e implicar a maior parte da comunidade educativa.
No caso do colexio buenense presentaron unha iniciativa titulada "Galegos e galegas de aquí e acolá". A coordinadora do equipo de normalización lingüística do centro, Inmaculada Rodríguez, explica que o proxecto ten dúas vertentes diferenciadas. A primeira é poñer en contacto ós alumnos coas zonas galego-falantes de Asturias, Zamora, O Bierzo e incluso cos municipios extremeños nos que existe "a fala", que ten unha gran similitude co galego. Xa se estableceron os primeiros contactos con centros do Bierzo e de San Martín de Trevello, algo posible grazas ás pizarras dixitais e ó correo electrónico con voz e imaxe.
A segunda vertente conleva a colaboración de Papirus, que é a mascota da biblioteca do centro, e dos pais e nais dos alumnos. "Estamos a pedirlle ós proxenitores que nos faciliten algún contacto con familiares e parentes que teñan noutros lugares do mundo para poder establecer unha relación con eles", explica Inmaculada Rodríguez. O obxectivo é que eses emigrantes ou os seus descendentes poidan explicarlle ós nenos e nenas "como conservan eles o galego, como asimilaron a cultura nova na que se atopan ou se nos centros galegos deses países impártense clases da nosa lingua". Outra das actividades que se inclúe no programa é a edición dun almanaque no que o protagonista é o polbo Papirus. Trátase de ilustracións feitas polos propios nenos e nas que a mascota da biblioteca aparece en distintas cidades do mundo e todas ben recoñecibles. O calendario vai ver a luz moi pronto, algo para o que a axuda de Fecimo e da Concellería de Cultura de Bueu foi fundamental e que dende o centro agradecen encarecidamente. Inmaculada Rodríguez tampouco esquence ó libreiro moañés Benxamín Riobó, que lles facilitou o contacto cos centros extremeños.
Pola súa banda, o premio recibido polo CEIP Quintela, de Moaña, débese a unha proposta metodolóxica plantexada polo equipo de normalización lingüística, que baixo o título de "En galego pola rede" pretende empregar as novas tecnoloxías como fonte de información e de comunicación con outros grupos sociais galegofalantes.
Este programa inclúe varios bloques de actividades nas que participarán os alumnos. Algúns son do máis orixinais, como a producción de filmes con varios programas ou empregar os blogues do colexio como ferramenta de aprendizaxe e para adquirir competencia dixital e ligüística.
Asimesmo, grazas á metodoloxía galardonada os alumnos deste centro coñecerán máis profundamente o municipio de Moaña, a través de varias saídas culturais que resumirán nun blogue específico. Tamén involucrará aos estudantes na mellora da páxina que a Galipedia adica a Moaña. Un costume que vén de atrás neste centro escolar. Outras das actividades previstas pasan por un intercambio cos estudantes doutro centro de ensino e pola participación nun proxecto de poesía experimental na rede.
A intención coa que o centro puso en marcha este programa é a de invertir os dramáticos datos de perda de falantes en galego que reflicte a poboación de Moaña. Para lograr esta difícil tarefa comezarán por desenvolver no alumnado unha actitude positiva cara ao idioma propio, identificando o galego como unha lingua moderna e axeitada para o manexo das novas tecnoloxías.
A través dos rapaces, os obxectivos a longo prazo pasan por sensibilizar ás familias das vantaxes dun ensino en galego.