F.G.S. - MOAÑA
A mellor forma de achegar aos cativos á lectura é integralos nunha biblioteca e que se sintan como na casa, para que os libros que cubren as estanterías chamen a súa atención, e a curiosidade propia dun neno lles faga abrilos e iniciarse nun mundo descoñecido ata entón. Para lograr este efecto a Biblioteca Pública de Quintela, en Moaña, programou para esta tarde unha sesión de contacontos destinada aos máis pequenos da casa. Será a partires das 18.00 horas. O obxectivo da xornada tamén é axudar aos nenos a superar os seus medos.
O contacontos correrá a cargo da mestra de primaria Sara Alfaia, que se baseará no conto titulado “Sacapenas”, obra do autor e ilustrador británico de libros infantís Anthony Browne. Segundo os organizadores a idade recomendada para asistir é a partir dos catro anos.
“Sacapenas” é un conto enraizado na cultura de Guatemala, o que servirá aos nenos para coñecer a existencia doutras tradicións. Ofrecerá varios remedios para as preocupacións e os temores dos máis pequenos, xa que cando somos cativos nos preocupa todo o que nos arrodea: os paxaros, os tronos, a escuridade, o forte vento... e moitas cousas máis son as que nos asustan.
Sara Alfaia tentará fomentar a educación en valores positivos, apostando por inculcar nos asistentes a coraxe necesaria para afrontar e superar os seus medos, “que sempre se fan máis pequenos se os compartimos con alguén a quen queremos”.
Obradoiro
Despois de gozar coa historia narrada pola mestra, os nenos participarán nun obradoiro creativo, no que aprenderán a facer o coñecido como “boneco sacapenas”, tamén moi tradicional na cultura guatemalteca. Neste país de América Central os nenos que non poden durmir cóntanlle os seus problemas ao diminuto boneco, e o deben poñer debaixo da almofada. Esta será unha forma de sentirse partícipes da historia que acaban de escoitar.
Os nenos terán que acudir acompañados dos seus pais, avós ou irmáns, pois segundo os organizadores: “Son os maiores os que saben e poden axudarnos a transformar os nosos grises medos nun arco da vella de ilusións e ledicias”.