G.M.P. - CANGAS
"Para isto non hai edade, sempre se está aprendendo", sinala un dos preto de 30 alumnos das clases de pintura que se desenvolven na Casa da Bola, promovidas pola Concellería de Benestar Social de Cangas. Divididos en dous grupos, os luns pola mañá e os mércores pola tarde, e instruídos pola profesora María José Iglesias, estes animados veteranos aprenden as técnicas dos grandes mestres da pintura, ainda que os seus obxectivos sexan bastante máis modestos: confórmanse con pasalo ben e con poñer a proba as súas habilidades fronte a outros compañeiros, que lle sirve de acicate para seguir medrando na súa afección. Así sucederá desde o día 1 ata o 10 de decembro, cando terá lugar na Capela do Hospital a "Exposición de pintura de maiores", organizada pola Asociación Cultural e Recreativa de Persoas Maiores do Morrazo "Arte e Pintura" (Artepen).
É a terceira edición como colectivo, ainda que a primeira como asociación constituída. O seu presidente, Antonio Luis Rial, e vicepresidente, Ángel Soliño, presentaron onte a actividade no Concello xunto co concelleiro de Benestar Social, Óliver Álvarez, que os felicitou por adicar parte do seu tempo a promover e disfrutar a arte. "É unha doble satisfacción; por unha banda, que haxa xente con iniciativa e capacidade artística, e por outra porque as actividades que promove o Concello acaben por ser xérmolo do asociacionismo, con ánimo de progresar". Na mostra participarán uns 20 artistas cun total de 30 ou 35 obras, dada a limitada capacidade da sala, que estará aberta de once a unha polas mañás e de seis a oito polas tardes. O acto estará presidido pola alcaldesa, Clara Millán, e tamén intervirán o concelleiro de Benestar Social e o director dese departamento municipal.
O xurado que se encargará de calificar as obras é de nivel: Francisco Latorre, Loreto Blanco, Camilo Camaño e Lito Portela. Os premios serán entregados polas autoridades e representantes de Iris Manualidades, e as librerías Viláfer e Maraxe. O Colectivo tamén expresou o agradecemento ao Concello, a Caixanova e á Fundación Pedro Barrié de la Maza pola súa colaboración.