REDACCIÓN - BUEU
A exposición de fotografías antigas que organiza a Asociación Cultural Santos Reis co motivo do San Martiño é xa unha tradición en Bueu. Este ano acada a décima edición e para celebralo a mostra terá unhas características especiais: vanse recopilar as imaxes expostas nos nove anos anteriores e, xunto coas 30 desta edición, estarán agrupadas por temáticas. Así, haberá unha sección adicada ó ensino (con algunha imaxe na que aparece o recentemente finado Manuel Omil Estévez), á relixión, grupos de amigos, festas... Serán un total de 300 fotografías e que conforman un testemuño de primeiro orde sobre a evolución experimentada polo municipio dende finais do século XIX e ata a década dos anos 70 do século XX.
A previsión da Asociación Cultural Santos Reis é montar a exposición na xornada de hoxe domingo e o mércores 11 de novembro (San Martiño) e o xoves 12 de novembro (San Roque) a partir das 10.00 horas. Sen embargo, como se fai ó aire libre vai estar condicionada pola meteoroloxía. As dimensións deste ano fan imposible trasladar a mostra a outro lugar, co que en caso de choiva a mostra quedaría aprazada ata nova data. No caso de que o tempo finalmente acompañase, deixaríase montada en horario de mañá e tarde.
Outras actividades
Por outra banda, o programa de actividades do Concello para hoxe inclúe xogos populares na carpa da festa (ás 16.30) e un concerto de Manxadoira no Centro Social do Mar (ás 18.00).