MANUEL UXÍO GARCÍA - MOAÑA
Nestes días do mes de novembro, son innumerables as persoas que acoden ó lugar onde nacera Moaña co obxecto de darlle honra a San Martiño de Tours, santo elixido polas autoridades eclesiásticas para que fixera de protector dunha nova freguesía que se estaba a fundar a finais do século XII no intre en que foi rematada a igrexa, a cal íase a converter nun eixo de conexión relixiosa e civil entre varias aldeas esparexidas entre o monte e a ribeira do mar.
A carón desta igrexa encóntranse os adros alto e baixo onde os nosos devanceiros, segundo escribiu Otero Pedraio: “á saída de misa, sobre a terra do adro vense os amigos, fanse contratos, danse os recados, exprésanse opinións, saúdanse os forasteiros” é de acordo con varios documentos que se encontran nos arquivos históricos, os alcaldes pedáneos e rexedores moañeses, que dependeron dende finais do século XV ata 1834 da xurisdicción da vila de Cangas, convocaban xuntanzas para distribuír os impostos reais, presentábanse nas subastas dos décimos relixiosos, contribucións de viños e carnes, veigas, etc.; as resolucións acordadas publicábanas o abade no ofertorio de cada misa dominical e nalgúns casos eran recollidas en escrituras para facer reclamacións; como exemplo cítase o encabezamento dun deles feito polo escribán de Cangas, García Guardado na data do 27 de febreiro de 1806:
“En la Feligresía de San Martín de Moaña y Sitio del Crucero en que suelen hacerse las Juntas de sus vecinos...”
Xa máis coñecido é o emprego do adro alto como lugar de enterramento e do baixo para facer as moitas festas que ata finais dos anos 50 do derradeiro século se celebraban en Moaña, primeiro con gaiteiros, logo de 1874 coa inclusión da nova banda de música moañesa dos Bichucos e máis tardes tamén con orquestras.
Como nos adros tiveron lugar ao longo de máis de sete séculos tantas xuntanzas, non é estraño que a súa beira se encontrara a taberna máis antiga da freguesía que durante moito tempo foi a única da freguesía; nela vendíase polo miúdo o viño procedente dos impostos que os labregos moañeses tiñan que pagar a facenda real e que era recollido casa por casa polo mellor ofertante da subasta feita no adro baixo.
Esa taberna era nomeada en escrituras do século XVIII como “taberna de la iglesia”; de feitura terreña e comunicada co devandito adro baixo por medio dunhas escaleiras de pedra que foron desmontadas a finais do XX. En 1878, a familia Jauregui contratou a un canteiro de Xeve para deixala como se encontra na actualidade, modelo de casa senlleira dun andar de arquitectura típica labrega.
Lendas
No que ten que ver coas lendas desenvolvidas ao longo do tempo a carón desa taberna, compre salientar a que aínda relatan algunhas persoas maiores sobre o uso que noutra época fixeron dunha caveira, recollida no camposanto que estaba a beira da igrexa, por un home afouto que alí se encontraba na compaña doutros bebedores. Logo de facela beber e fumar do mesmo xeito que os que estaban dentro desa taberna, parece que a caveira voltába a apousentarse na mesa xunto as cuncas de viño despois de que a levaran ó cinceiro; por este motivo, o Sr. Jauregui, vendo o asustados que estaban os bebedores, ocorréuselle ir, xa de madrugada, cara a reitoral co obxecto de chamar ao párroco quen, revestido de roupas sagradas negras a reconduciu ao seu lugar de orixe, nun cortexo fúnebre ó que daban compaña ós devanditos homes, que tiveron que trocar os cantos tabernarios polos responsos en latín que cantaba o crego.
Segundo un curioso documento do 29 de febreiro de 1860 que está gardado na casa de Manuel Pastoriza da Xalde, houbo unha conciliación diante do xuíz de paz de Tiran, que rematou en avinza, entre un dos seus devanceiros e unha muller do Cruceiro por feitos ocorridos a carón desa taberna, reflectidos na escritura deste xeito:
“… : Que demandaba a Ana Rodríguez sobre que la noche del viernes veinticuatro del corriente, con motivo de pasar por delante de la puerta de su casa que tiene en el lugar del Crucero, fue insultado por ella con las palabras de Moro, negro, corrumpido, rebotado, borracho, con otras mas expresiones denigrativas que a su tiempo probará si preciso fuera.
Enterada la demandada contesta: que si bien es cierto hubo riña en la noche que se refiere, no la causó ella sino sujetos que estaban bebiendo en la taberna de otra casa, que al pasar el Pastoriza dijeron ahí va el Moro, negro y si bien es cierto que la demandada repitió estas expresiones, como fue en alta voz oídas por el Pastoriza, se dirigió a ella diciéndole que era mejor dijese esas expresiones en el camino que no en su casa, sobre lo que se formo la riña ...”
As devanditas expresións nos retrotraen a unha sociedade da segunda metade do século XIX que sen ter visto nunca negros nin mouros era un tanto xenófoba e racista.
Na actualidade esa taberna só está aberta ó público nas datas de San Martiño e na compaña doutros edificios situados na contorna da igrexa, forman parte dun senlleiro conxunto arquitectónico e histórico que debe estar protexido por formar parte da historia de Moaña.