D.G.P. - BUEU
Bueu acaba de despedir a un dos seus veciños máis queridos. Manuel Omil Estévez finou o venres aos 83 anos de idade e era alguén moi especial na vila. Foi un deses mestres de mestres e polas súas aulas pasaron varias xeracións de buenenses e a maioría deses antigos alumnos lémbrano cun gran cariño. Con toda unha vida adicada á docencia, Manuel Omil foi dando clase nas distintas ubicacións das escolas de Bueu ata rematar no colexio de A Pedra.
A súa especialidade eran as Matemáticas, pero sempre atopou tempo para as súas outras paixóns: a música, o xadrez e os pasatempos. Precisamente pola súa labor musical foi homenaxeado, xunto a outros veciños da vila, pola Coral Polifónica de Bueu. Contan que aprendeu a tocar o acordeón ás agachadas; formou a orquestra Cherson xunto a Rosendo Corral, Chita, Enrique Levita, Manolo da Crega e Santiago Ferradanes; foi membro fundador e director da Coral Agarimo, a máis antiga do municipio; formou parte do coro parroquial e incluso foi organista na igrexa de Bueu.
Os que o coñeceron lembran o seu carácter afable e cariñoso cos máis pequenos (era frecuente que lles dese caramelos, caramuxos, castañas...) e a súa gran cultura. Durante algún tempo andivo embarcado na recollida de léxico e vocabulario propio da comarca do Morrazo. Sen embargo, ese traballo quedará inédito porque segundo el mesmo lle confesou ós interesados en publicalo extraviou aquelas notas.
O recoñecemento feito pola Coral Polifónica de Bueu non foi o único que recibiu en vida e en Bueu, na súa vila. A eses alumnos ós que educou e formou como persoas tamén lles tentou transmitir algo do seu querer polo xadrez, un xogo/deporte de moita lóxica e no que as matemáticas tamén teñen algo que ver. Algúns deles, como Ramón Santaclara, foron os que impulsaron a creación do Clube Xadrez Bueu e no ano 1990 decidiron rendirlle unha homenaxe pública a él e a outros pioneiros do xadrez na vila. Durante aquel acto, Manuel Omil Estévez tamén deixou constancia da súa enorme humildade. Lembran que daquela afirmou: "En realidade son eu quen debería facervos a vós esta homenaxe pois estades levando adiante o que nós non fomos capaces". Máis dende o Club Xadrez Bueu retrucan dicindo que "sen os seus pasos, ningúns dos outros que virían despois serían posibles".