A actriz subirá esta noite ao escenario do IES As Barxas en Moaña (22.00 horas), integrando o elenco de actores que interpretan "Kvetch: o rosmón", unha obra escrita polo inglés Steven Bekoff e que a compañía local Teatro do Morcego está a representar dende abril para conmemorar o seu vixésimo aniversario.

–En qué consiste a obra que hoxe se poderá ver en Moaña?

–Trátase dunha obra moi divertida sobre os medos que todo o mundo ten na sociedade de hoxe: o temor a quedar sen emprego, a caer enfermo... Pero está exposta en dous niveis, de forma que por unha parte o espectador pode escoitar o que din as personaxes e por outra o que pensan realmente. Isto da lugar a moitos momentos de risa e a que todo o mundo se sinta identificado nalgún momento ou noutro.

–En "Kvetch: o rosmón" vostede fai de sogra con mal humor. Non se estará a encasillar neste papel?

–(Risas) Non creo, pero a estas alturas sempre me dan traballos de sogra, de nai ou de avoa. Son papeis que me gustan e aos que lle collo cariño. A pesar de que nesta obra a miña personaxe ten bastante mala leche e sempre tira a dar.

–Esta obra está a colleitar moito éxito de público?

–Levamos cerca de 20 representacións dende o mes de abril. Isto fai que as historias evolucionen a medida que pasan as funcións e calibramos a reacción do público. Estamos moi contentos coa resposta da xente. En Santiago estivemos dez días seguidos e durante os exames, e aínda así tivemos unha media moi interesante. Agora estamos levando o espectáculo por distintos puntos de Galicia.

–Xa traballou antes coa compañía Teatro do Morcego?

–Esta é a primeira vez. Cando Celso Parada me chamou para embarcarme no proxecto sorprendeume agradablemente. A compañía fixo un gran investimento por esta obra, que se produciu conxuntamente cunha compañía de Portugal. Por historia e investimento Teatro do Morcego é un puntal na arte dramática galega.

–Pese a súa dilatada experiencia no teatro, a personaxe de Amadora no programa dos Tonechos, na TVG, supuxo un punto de inflexión?

–A televisión ten unha forza enorme, e a personaxe a Amadora debe de ser unha das máis queridas polos galegos, sobre todo se temos en conta a reacción da xente cada vez que teño que ir a calquera sitio. O público sempre garda moito cariño dese programa.

–A fama dos Tonechos desbordouna?

–Xa tiven bastante fama co meu papel na serie de Antena 3 "¿Quién da la vez?", polo que non se pode dicir que non estivera acostumada. Pero hai que recoñecer que Os Tonechos foron un fenómeno sociolóxico que merece un estudo. Con eles o pasei moi ben traballando, e creo que deron inicio a un estilo de humor típicamente galego, que agora están a seguir outros cómicos da comunidade.

–Volveremos a vela na televisión en breve?

–De momento non teño ningunha oferta. Poderíase dicir que estou a disposición dos productores e botando de menos o traballo cos Tonechos. O teatro gústame moito porque é onde me formei, pero está claro que o que realmente da de comer a unha actriz é o mundo do audiovisual.

–Xa actuou antes en Moaña?

–Si. Nos anos 70 varias veces, pero xa facía tempo que non traballaba nesta vila. Gardo un bó recordo tanto do público como da beleza do municipio.