Alá polo ano 1983 un veciño de Aldán chamado Xosé Menduiña Bastón comeza a poñer as bases do que hoxe é un dos grupos de música e baile tradicional máis veteranos da comarca do Morrazo: Lembranzas da Ría. El e a súa muller bailaran nunha formación de Santiago, "Brisas da Terra", e querían facer algo semellante na comarca. Empezaron a buscar xente na parroquia e no Hío e por fin, no 1984, o grupo comezou a funcionar como tal. A súa primeira actuación foi na antiga discoteca Fantasy e tivo un compoñente especial: bailaron e tocaron con roupa de rúa posto que era un concerto para recadar fondos e poder adquirir os primeiros traxes tradicionais. Dende aquela xa pasaron 25 anos e o Lembranzas da Ría volve a aquel lugar. Xa non se chama discoteca Fantasy, senón que no seu lugar levántase o Auditorio municipal, e agora a agrupación conta cun estimable patrimonio en traxes, pezas recollidas, membros e, sobre todo, en experiencias vividas.

Esa gala será mañá domingo ás 20.00 horas [entrada gratuita] e non só participará a actual formación do grupo. Máis de medio cento de antigos compoñentes subirán ó escenario para lembrar aquelas vivencias e as orixes do grupo. Haberá cinco formacións e que dalgún xeito representarán ás distintas xeracións que foron pasando polo grupo. Os bailes que interpretarán foron escollidos en función do repertorio que poñía en escena o grupo neses respectivos periodos: dende a "Muiñeira e jota de Tapia" ata a "Muiñeira de Carantoña". Os encargados de pechar serán os membros actuais de Lembranzas, onde se dan a man o pasado, presente e futuro do grupo.

Xosé Menduiña Bastón xa non é o director do grupo. En 1994 deixou esa responsabilidade nas mans dun entonces xovencisimo bailador do grupo, Manolo Cobas, e que contaba con apenas 18 anos. " Eu estaba na agrupación dende 1987 e o que tentei foi seguir a mesma liña de recuperar e manter a tradición mediante o baile e a música, pero tentando que o grupo fose sempre mellorando e representando o noso traballo incluso fora de Galicia", explica Cobas, que quince anos despois segue levando a dirección. Durante este tempo entraron e sairon novos compoñentes e foise introducindo nova instrumentación, con sección de ventos ou o acordeón. "Tratamos de manter a tradición, pero cun aspecto renovado", suliña.

Os ensaios para montar a gala do domingo comezaron xa hai varios meses e non estiveron exentos dalgúns momentos emotivos. "Van participar máis de 50 antigos membros e había moitos que non bailaban e que non se vían dende hai moitos anos", lembra Manolo Cobas. Durante o transcurso do evento vaise proxectar un video no que se repasa a historia da agrupación e no que aparecen algúns deses antigos integrantes, que recordan os inicios de Lembranzas da Ría e as súas primeiras actuacións. O propio Cobas insiste en que esta gala é un xeito de "agradecerlle a esa xente todo o seu traballo e que sacrificasen parte do seu tempo para loitar por este grupo; queremos dicirlles que segue en pé, con forza e coa idea de continuar adiante". E para deixar testemuño do momento actual tamén se gravará un video con esta actuación conmemorativa dos 25 anos.

As escolas garantizan o futuro da agrupación

A traxectoria de Lembranzas da Ría ata o presente é longa dabondo, pero aínda queda moito futuro por diante. "Non creo que sexa moi complicado volver a celebrar outros 25 anos. Se hai xente que queira manter vivas as nosas raíces e tradicións o grupo continuará vivo. Sempre haberá algunha persoa que poda continuar ó frente, se non son eu será outro", afirma Manolo Cobas. Esa continuidade en certo xeito vén garantida coa posta en marcha das escolas de baile, canto, pandeireta e percusión, con profesores específicos en cada sección. "Comezamos no ano 2005 cun 20-25 alumnos e agora xa temos a unhas cen persoas", suliña o director da agrupación.

Para poder atender a tanta xente é fundamental contar cunhas instalacións, unha cuestión que é a gran asignatura pendente de todo o movemento asociativo. "Habería que dispoñer dun local axeitado e por iso nunca tivemos unha base firme. Agora non temos un sitio fixo, pero polo menos existen máis instalacións no concello e podemos repartir as actividades. Antes tiñamos que concentrar todo en somentes tres ou catro horas dun día", lembra Cobas.

Daquela formación que comezou a súa andaina hai xa un cuarto de século quedan poucos integrantes no seno de Lembranzas da Ría: Margarita Sotelo, Lidia Piñeiro, Roberto Sotelo e o propio Manolo Cobas. Non entraron todos no 1984, pero si que forman parte daquela primeira xeración que puxo en marcha o conxunto e en certo xeito manteñen aceso o facho da tradición.