A Casa Museo A Mangallona está de noraboa. Este inmoble, restaurado e rehabilitado polo artista cangués Camilo Camaño Xestido, é un dos emblemas museísticos de Cangas e da comarca do Morrazo. O edificio atópase no Carballal, na parroquia de Coiro, e está a punto de celebrar seu vixésimo aniversario. Por iso, onte a fundación presentou publicamente un programa de actos cos que conmemorar unha data tan significativa.

O día do cumpreanos será o vindeiro sábado 17 de outubro. A partir das 11.00 horas haberá un acto e unha charla introductoria acerca da historia e dos contidos da Casa Museo A Mangallona. Será o paso previo a unha visita guiada polas instalacións, un percorrido no que os visitantes poderán coñecer os segredos deste lugar e contemplar as numerosas obras de arte que hai no seu interior. O programa matinal de actividades concluirá coa representación dunha peza musical chamada "Luces da Mangallona", composta polo Mestre Carballo especialmente para esta ocasión.

Os actos continuarán pola tarde, cunha nova presentación ás 17.00 horas e cunha visita guiada ás dependencias. Nesta ocasión estará presente a Banda de Gaitas Manxadoira, do Concello de Bueu, que interpretará tres temas. Dúas de esas composicións foron escritas precisamente para este aniversario tan especial da Mangallona.

Ás 19.15 horas terá lugar unha mesa redonda na que se tratará a situación desta casa museo e a da arte contempránea en xeral. Estará presente o impulsor da iniciativa, Camilo Camaño Xestido, acompañado por Ernesto Campos e Ramón Rozas.