G.M.P. - BUEU
"A sidra non chegou a nada. Pola mañá xa estaba agotada nos sete postos que se instalaron", explicaba o presidente da comisión de festas, Celso Dopazo, a última hora da tarde, mentras resaltaba as bondades desta bebida popular da que se repartiron arredor de 800 litros e facía balance dunha celebración tradicional que volveu a contar co favor do público e da meteoroloxía, e que no plano relixioso serviu para a estrea no novo cura párroco, Pedro Santos.
A troula comezou na Banda do Río o sábado pola noite, coa verbena amenizada polas orquestras Odisea e Bolero, e seguiu onte pola mañá con pasarrúas das banda de música Artística de Bueu, que logo ofrecía un concerto no pazo de Santa Cruz e pola tarde participaba no festival de bandas do Morrazo, na Praza do Concello, poñendo o preámbulo a unha nova verbena na Banda do Río.
Ademais da devoción a Santa Ifixenia, a "virxe negra", procedente de Etiopía e avogosa dos males da pel, as delicias gastronómicas e as espectaculares vistas sobre a vila e a ría tamén atraen a centenares de visitantes a este contorno privilexiado. Os devotos agradeceron os favores recibidos e renovaron as súplicas, entre elas para que nunca falten tales farturas.