G.M.P. - CANGAS
Foron recuando os invadidos ao avance das tropas invasoras e ao ritmo das gaitas, bombos e tambores chegaron ata o Eirado do Costal. Un cego coa zanfona encargouse de relatar a historia aos presentes mentres subían cara ao Eirado do Costal:
"Alá na vila de Cangas
península do Morrazo,
ocorreron graves feitos
nun século xa pasado:
Polo mar viñan de lonxe
os mouros arrenegados,
viñan con rabia de cans
baballosos e encirrados,
ben dispostos a morderen
con espadas e con... falos!
Mataron xente inocente
e toda a vila arrasaron:
Homes, mulleres, cativos,
casas, facendas e barcos...
Os cangueses eran poucos,
pero aos mouros enfrontaron
con remos, raños e fouces
e coa súa vida pagaron."
A representación mobilizou arredor de un centenar de actores e actrices, tanto profesionais como afeccionados e colaboradores, todos eles coordinados pola compañía Teatro de Ningures. A acción comezou cando o barco "Norwest" arribou ao peirao e das gorxas dos berberiscos saíron gritos de guerra. Alí tiveron lugar as primeiras trifulcas, mentres axentes da Policía Local e membros de Protección Civil paraban o tráfico para facilitar o ir e vir dos actuantes. Os "cadáveres" que os invasores ían deixando ciscados polas rúas céntricas chamaban a atención de conductores e peóns, e algúns máis despistados mesmo estiveron a punto de chamar aos equipos de emerxencias para que acudiran a atender aos feridos.
A colaboración prestada por veciños do Casco Vello tamén posibilitou que se recrearan escenas da toma de vivendas e de violación das mulleres en soleiras e balcóns. Tamén as prazas públicas se acondicionaron para que os episodios recreados tiveran a imaxe máis próxima a como eran hai catro séculos. A actriz moañesa maría Salgueiro púxose nas carnes de María Soliña para que o pobo puidera achegarse ás repercusión sociais e sicolóxicas daquelas invasión e comprender mellor os motivos que fixeron "tolear" a moitas mulleres da época.
A representación da invasión turca está chamada a converterse en cita anual, cada mes de setembro. A Concellería de Cultura quere conformar un amplo programa que sirva para repasar a historia da vila, divulgar o teatro e atraer o turismo.